O BNG de Ourense propón crear un modelo sostible para a explotación dos recursos naturais e minerais da provincia

OurenseXa
Os nacionalistas denuncian o “modelo de espolio ao que están sendo sometidas as comarcas de Ourense” por diversos proxectos mineiros, hidroeléctricos e eólicos que “ameazan o equilibrio ambiental”
María Mangana, Bernardo Varela, Xose Manuel Puga
23 Apr 2025

O Grupo Provincial do BNG de Ourense dá a coñecer a moción que defenderán no próximo Pleno da Deputación, centrada na explotación dos recursos naturais e minerais da provincia. A comparecencia contou coa presenza de todo o grupo provincial, Bernardo Varela, María Mangana e Xosé Manuel Puga.

O portavoz nacionalista comezou sinalando que esta moción conta con tres pontos clave propostos como pontos de acordo. Primeiro esixir á Xunta e ao Estado que a declaración de proxectos estratéxicos veña acompañada de medidas que impulsen a economía local, como o apoio ao enoturismo, á agricultura ecolóxica ou á economía verde. En segundo lugar, promover unha estratexia de desenvolvemento mineiro sostible, que inclúa o control público das materias primas e a participación pública obrigatoria nun mínimo do 20% nos proxectos extractivos. E en ultima instacia garantir o máximo respecto ambiental, con informes e analíticas periódicas sobre a calidade das augas e a afectación á biodiversidade.

Esta proposta dos nacionalistas parte da denuncia do modelo de “espolio” ao que están sendo sometidas as comarcas de Ourense, onde, segundo denuncian, diversos proxectos mineiros, hidroeléctricos e eólicos ameazan o equilibrio ambiental e non xeran retorno económico nin social para a veciñanza nin para os territorios afectados.

Varela puxo como exemplo o proxecto de mina subterránea en Doade (Beariz), que malia reducir a súa superficie respecto ao proxecto anterior, segue a supoñer “un impacto ambiental e social moi relevante”. A súa proximidade á ZEC Serra do Cando, a falta de rigor no estudo socioeconómico presentado pola empresa promotora e a ausencia de garantías sobre o emprego e o investimento real foron duramente criticadas polo voceiro nacionalista.

“Non falamos de proxectos que xeren riqueza sostible, senón de operacións extractivas con beneficios privados e impactos públicos”, afirmou Bernardo Varela. “As comunidades locais, os concellos e mesmo a Xunta apenas obteñen vantaxes, mentres se comprometen recursos hídricos, paisaxísticos e ambientais fundamentais para o futuro do territorio”.
Na moción presentada, o BNG tamén fai referencia á central hidroeléctrica de bombeo que Iberdrola pretende instalar entre os encoros do Bao e Cenza, así como á reactivación de múltiples proxectos eólicos, todos eles caracterizados pola súa escasa repercusión positiva nas economías locais.

“Ourense está a converterse nun territorio de sacrificio para os intereses das grandes empresas enerxéticas e mineiras, sen que iso implique melloras estruturais para os nosos concellos”, denunciou Varela.

O voceiro nacionalista concluíu lembrando que “a comarca do Ribeiro depende da calidade das súas augas para manter a súa economía vitivinícola e o seu atractivo turístico. Calquera vertido ou alteración hídrica pode ter consecuencias irreversibles. Non podemos permitirnos máis agresións ambientais sen retorno social”.

O BNG insiste en que o aproveitamento dos recursos naturais só é lexítimo se vai acompañado de beneficios claros e sostibles para a poboación local, co respecto total ao medio ambiente e á biodiversidade galega.

⚙ Configurar cookies
0.15562510490417