O BNG de Pereiro de Aguiar critica a xestión do PP á fronte do Concello

Rubén García, portavoz do Grupo Municipal do BNG no Concello do Pereiro de Aguiar denuncia a “irresponsabilidade e falta de planificación do Partido Popular”, tras aprobar en pleno unha modificación de créditos por crédito extraordinario e suplemento de crédito de varias partidas do Orzamento municipal, “cando non pasaron nin tres meses da súa entrada en vigor”.
Para os nacionalistas, “o retraso na aprobación do Orzamento de 2025, que non se aprobou até o mes de xuño, evidencia a descoordinación e a incapacidade do grupo de goberno para prever as necesidades reais do municipio”. Por iso, sinala o voceiro, “engádense agora partidas novas como a compra dun robot desbrozadora fóra da tempada, novas subvencións a entidades privadas ou máis recursos destinados á publicidade e propaganda”.
“Vemos con preocupación a xestión municipal que está a facer a equipa de goberno, centrada máis na propaganda e publicidade do PP e do seu alcalde Luis Menor, que en atender nas necesidades reais do Pereiro de Aguiar”, declarou o portavoz do BNG, Rubén García.
“A metade do mandato 2023-2027, a veciñanza ve como se repiten prácticas que poñen por diante os intereses propagandísticos do Partido Popular fronte ás necesidades reais do municipio”, engade o voceiro, que asegura que o seu grupo “será inflexible con estas actuacións, que se arrastran dende o comezo da lexislatura”