O BNG insta á Xunta a acelerar as reparacións na área de partos do CHUO

OurenseXa
Desde formación nacionalista consideran necesario acelerar os traballos para “garantir a súa finalización no prazo máis breve posible e impulsar, mentres duren, as medidas paliativas necesarias para garantir a maior comodidade posible para as mulleres usuarias de forma que se priorice o cumprimento das súas eleccións e plan de parto e a súa privacidade, comodidade e seguridade”
CHUO_hospital_Ourense
20 Maio 2024

Que o CHUO arrastra un problema histórico de falta de investimentos e de continuas reformas parciais que non acaban por modernizar as instalacións ven sendo unha denuncia constante por parte do BNG.Esta situación é especialmente “acuciante” en todo o que ten que ver coa saúde da muller, xinecoloxía e maternidade. Mostra da situación é que o 30 de decembro de 2023 desprendíase un falso teito nun corredor do edificio Materno-Infantil, no acceso á unidade de partos.

Para a deputada nacionalista Noa Presas, “afortunadamente este desprendemento non supuxo danos persoais e só tivo afección en materia de danos materiais e foi un atranco considerable para onormal uso das instalacións, pechándose de forma preventiva a zona continua, é dicir, sala de parto natural, quirófano de legrados e sala de estar do persoal”. Segundo Presas, “cómpre salientar que esta situación derivou no peche da única sala de parto natural do Complexo Hospitalario, a única, por certo, que conta con bañeira, aseo propio e fiestras”.

Nese momento, a Xunta informou de que se revisarían os falsos teitos e que se acometerían as reparacións necesarias. Así, na primeira semana de xaneiro o SERGAS afirmaba que estas zonas recuperarían a súa actividade habitual unha vez rematada a obra de reforma e que iso tiña “un breve prazo” para “retomar a súa operatividade en poucos días”.

Porén, pasados varios meses, desde o Grupo Parlamentar do BNG afirman que “as usuarias, persoal sanitario e entidades sociais de apoio á maternidade denuncian como esta situación continúa sen ter unha resolución adecuada e que as obras que se ían resolver en menos dun mes levan case catro”, e engaden, “isto tradúcese nunha limitación da zona e dos servizos e unha limitación na calidade e posibilidade de acceso aos servizos para un parto natural e mesmo situacións nas que dúas nais teñen que compartir unha sala de dilatación”.

Esta situación, a súa estensión no tempo e a non previsión da creación dunha infraestrutura temporal complementaria no Hospital, “teñen consecuencias sobre a saúde das mulleres e os seus dereitos en materia de maternidade. Esta situación amosa a desidia do Goberno galego e da Xerencia de Ourense e vai na mesma liña da obstaculización á Comisión de Lactancia, da recorrente falta de persoal de enfermaría en xinecoloxía e das derivacións a outros hospitais”.

Noa Presas entende que “esta situación non se pode dilatar no tempo, máis aínda tendo en conta a importancia deste Hospital tanto para a poboación que inmediatamente o ten como referencia como para aquela que pode ser desprazada desde os Hospitais Comarcais de Verín e Valdeorras”.

Por todo o anterior é polo que desde o Grupo Parlamentar do BNG no Pazo do Hórreo, veñen de rexistrar varias iniciativas nas que instan á Xunta de Galiza a “acelerar as reparacións necesarias da área de partos de Ourense para garantir a súa finalización no prazo máis breve posible e impulsar, mentres duren, as medidas paliativas necesarias para garantir a maior comodidade posible para as mulleres usuarias de forma que se priorice o cumprimento das súas eleccións e plan de parto e a súa privacidade, comodidade e seguridade”.

Ao tempo piden aproveitar a previsión de reformas para ampliar a infraestrutura de parto natural e atender as demandas de nais, profesionais e asociacións de apoio á maternidade.

0.18209910392761