O BNG levará ao Parlamento un plan para rescatar a sanidade de Ourense

A portavoz nacional, Ana Pontón, exemplificou no lamentable estado no que se atopa o Complexo Hospitalario de Ourense (CHUO) as nefastas consecuencias da política de acoso e derrubo da sanidade pública dun Goberno do PP convertido “nun perigo para a saúde dos galegos e das galegas” cos seus recortes e privatizacións.
Así o denunciou a líder nacionalista ao pe dun Materno Infantil do CHUO “que cae a cachos” e que se está a converter nun símbolo máis da desfeita sanitaria do PP, nun acto no que estivo acompañada polo portavoz municipal, Luís Seara, o deputado ourensán Iago Tabarés e a portavoz parlamentaria de Sanidade Hospitalaria, Iria Carreira.
“As mulleres de Ourense teñen que vir a parir a un hospital que cae a cachos, os nenos e nenas de Ourense teñen que vir a un hospital onde se lles cae o teito”, denunciou Pontón, quen advertiu que a lamentable situación na que se atopa o Materno non é nova, xa que previamente rexistrara xa outros tres derrubamentos, o que cualificou como unha auténtica “irresponsabilidade” por parte da Xunta.
Ao grave deterioro da área Materno Infantil, sumou o recente asolagamento do edificio Cristal na zona de atención aos pacientes o que demostra até que punto estas infraestruturas sanitarias “están obsoletas” e sofren “situacións dantescas” sen que, advertiu, o Goberno do PP achegue ningunha solución.
“Eu pregúntome que máis ten que pasar para que o señor Rueda veña a Ourense a dar a cara, a pedir desculpas á cidadanía por a situación na que está o hospital e, sobre todo, que máis ten que pasar para que o señor Rueda aporte solucións aos problemas que ten a sanidade pública de Ourense”, reflexionou.
Neste sentido, a portavoz nacional criticou ao PP a súa “política de parches”, que non deixa máis que “chapuzas que paga a cidadanía de Ourense”, e a súa estratexia propagandística, ao anunciar compromisos que logo nunca cumpre.
Tal é o caso das obras de ampliación da área de hospitalización do CHUO, que levan medio ano paralizadas, das moitas promesas sobre unha UCI que ten menos camas das que tiña e sen a dotación de medios e profesionais que precisa ou co propio hospital Materno Infantil, cuxa reforma o Executivo de Rueda anunciou comezar en 2025, pero que, sen embargo, nos presupostos da Xunta para este ano consignáronse “cero euros para poder facer ese proxecto”, denunciou.
Pontón recalcou que a situación na que se atopa a sanidade pública galega “non chega por casualidade”, senón logo de “16 anos de recortes e privatizacións” dun Goberno do PP que, a maiores, “discrimina” á cidadanía de Ourense ao non estar tendo “a atención hospitalaria que merece en pleno século XXI”.
A líder nacionalista incidiu en que o deterioro da sanidade pública responde á “ideoloxía dun Partido Popular que cre que coa saúde tamén se fai negocio”, tal e como pon de manifesto o incremento dun 18%, nada menos que 242 millóns de euros, nas derivacións de fondos públicos á sanidade privada que vén de denunciar o Consello de Contas ou o sobrecusto de 470 millóns pola construción privatizada do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, ao tempo que recortou 2.000 millóns na Atención Primaria.
“Con eses 470 millóns de euros de sobrecusto que o Partido Popular fai que paguemos ás súas construtoras amigas ou a fondos voitre, teriamos un novo hospital en Ourense, que é o que se merecería a cidadanía ourensá, un novo centro hospitalario á altura do século XXI”, exemplificou.
Diante da situación concreta que está a padecer a cidadanía ourensá, Pontón anunciou que o BNG levará ao Parlamento “un plan para rescatar a sanidade pública de Ourense” do lamentable estado na que a situou un Goberno do PP máis preocupado por favorecer o negocio da privada que de defender a sanidade pública.
Un plan que inclúe medidas tanto no ámbito hospitalario como na Atención Primaria, coa concreción por parte da Xunta de compromisos e prazos efectivos para a construción dun novo hospital Materno Infantil do CHUO, o desbloqueo das obras de ampliación da área de hospitalización que levan seis meses paralizadas, a dotación dunha UCI coas camas e o persoal sanitario necesario, así como o reforzo de medios e profesionais na Atención Primaria, que sofre a maiores os problemas derivados dunha mala planificación na construción do Centro Integral de Saúde (CIS).
“En definitiva, imos levar ao Parlamento de Galiza un plan para o rescate da sanidade pública de Ourense fronte a un goberno do Partido Popular que está sendo un perigo para a saúde dos galegos e das galegas e que, ademais, discrimina aínda máis aos veciños e veciñas de Ourense”, concluíu.