O BNG respalda aos traballadores de RENFE ante o posible desmantelamento dos talleres de Ourense

OurenseXa
“Non podemos permitir que Ourense se converta nun Monforte II; ou defendemos os talleres agora ou acabarán en cero”, sinalan dende a formación nacionalista
bng-traballadores-renfe
4 Jun 2025

Os representantes institucionais do Bloque Nacionalista Galego no Concello de Ourense, na Deputación e no Parlamento de Galicia —Luis Seara, Bernardo Varela e Iago Tabarés— reuníronse este martes con membros do comité sindical de RENFE para abordar a delicada situación que atravesan os talleres ferroviarios na cidade.

O encontro enmárcase na rolda de contactos que está a levar a cabo o persoal ferroviario con diferentes partidos e institucións para denunciar o que consideran un proceso de desmantelamento progresivo e silencioso destas instalacións.

O portavoz provincial do BNG, Bernardo Varela, manifestou con rotundidade que o Bloque “acompañará sen fisuras esta loita en defensa dos talleres de Ourense, dos postos de traballo e do papel estratéxico do sector ferroviario na provincia”.

Pola parte sindical, Diego, representante da CXT en RENFE, trasladou a preocupación do persoal pola recente decisión de trasladar o mantemento da serie de locomotoras 3000 a unha sociedade de capital maioritariamente privado. Esta decisión, aseguran, supón “un incumprimento flagrante” do acordo asinado hai apenas dous meses polo Ministerio de Transportes, RENFE e os representantes dos traballadores, que comprometía a continuidade das cargas de traballo durante un mínimo de cinco anos.

Segundo indicaron, esta manobra pon en risco inmediato 35 postos de traballo directos e representa “un modelo de privatización silenciosa” que replica experiencias como a de Monforte de Lemos, onde os talleres foron esmorecendo ata quedar cun único traballador activo, actualmente en proceso de ser desprazado.

Bernardo Varela cualificou como “intragable” a vulneración dos compromisos asinados e anunciou a presentación dunha batería de iniciativas nas diferentes institucións nas que o BNG ten representación, como o Parlamento de Galicia, a Deputación de Ourense e o Concello da cidade. “Apostamos por un modelo público e galego de ferrocarril, que atenda ás necesidades de mobilidade e industria do país, sen recorrer a subterfuxios societarios que esquiven o control público e a calidade do emprego”.

Pola súa banda, o deputado do BNG no Parlamento de Galicia, Iago Tabarés, quixo poñer de manifesto o compromiso do BNG co transporte ferroviario ante os representantes dos traballadores e da sociedade, e lembrou que a potenciación do transporte ferroviario forma parte do acordo de investidura co PSOE e que por fin se comeza a estudar unha rede de cercanías en Galicia.

A organización nacionalista avoga, sinalou Tabarés, tal e como xa se ten demandado mesmo da man dos empresarios dos polígonos de San Cibrao e do Pereiro, por impulsar a proposta dun nodo loxístico e ferroviario no parque empresarial: unha estación de mercadorías San Cibrao–Taboadela, cun taller de reparacións e servizos auxiliares orientado á creación de emprego e valor industrial para o país.

“Ourense non pode ser o novo Monforte. É o momento de actuar con decisión para garantir futuro e dignidade para o noso tecido produtivo”, remataba sinalando Varela.

⚙ Configurar cookies
0.15172290802002