O BNG urxe á Xunta a tomar medidas para garantir a cobertura no Servizo de Urxencias do CHUO
O BNG a través da deputada por Ourense Noa Presas, ven de rexistrar unha serie de iniciativas relativas á situación na que se atopa o CHUO e a necesidade de que por parte do Executivo galego “se adopten medidas urxentes para garantir a cobertura con suficiente persoal do Servizo de Urxencias no Complexo Hospitalario de Ourense”.
Presas sinala que “o compromiso do BNG é defender a sanidade pública, é defender Ourense polo que seguiremos insistindo con todos e cada un dos problemas que ten o CHUO até que a Xunta rectifique. Hai que recordar que as urxencias do CHUO arrastran unha situación que é cada vez máis extrema e que as e os profesionais veñen reclamando o reforzo do persoal médico pois a día de hoxe o Servizo funciona coa metade do persoal, un persoal que está exhausto”.
Segundo Presas, “na actualidade están a funcionar con menos da metade do cadro de persoal e mesmo recorrendo a médicos e médicas doutras áreas sanitarias. Por outra banda, estanse a incumprir as condicións laborais e de seguridade laboral que deberían operar, pois segundo denuncian as e os profesionais, no servizo de Urxencias o persoal médico está facendo máis de 200 horas de traballo ao mes, cando o máximo legal son 190 horas mensuais, habendo mesmo profesionais que superan as 250 horas de traballo nun mesmo mes”.
Diante desta grave situación e tendo claro que “o sistema sanitario non pode depender da sobreexplotación dos seus recursos humanos, é absolutamente prioritario unha boa dotación do hospital da terceira cidade de Galiza, que actúa para moitos ámbitos como hospital para máis de 300.000 persoas para cuestións que non se poden atender en Verín ou Valdeorras, é necesario que o Goberno galego tome medidas relativas á situación do Servizo de Urxencias do CHUO no tocante ao reforzo do servizo e dos cadros de persoal”.
Segundo o BNG, a todo isto súmanse as dificultades cada vez máis patentes para atraer persoal e para retelo, como vimos de ver coas prazas MIR vacantes. Situación que, “dáse con máis intensidade en Ourense tanto pola situación da área sanitaria e a política laboral do SERGAS como pola situación socioeconómica desta parte do país, ao seren prazas menos atractivas e ao non estar a aplicarse ningún tipo de estímulo ou estratexia favorecedora da captación de talento”.
Desde o Grupo parlamentar do BNG no Pazo do Hórreo, instan á Xunta de Galiza a tomar medidas urxentes para garantir a cobertura con suficiente persoal do Servizo de Urxencias no Complexo Hospitalario de Ourense a través da constitución “dunha mesa de traballo co persoal do CHUO para abordar o incremento de persoal demandado, partindo do obxectivo de incorporar tantos profesionais como os que están en activo agora mesmo”.
Ao tempo, solicitan impulsar, en colaboración coas áreas sanitarias de maior dificultade de cobertura e cos colexios profesionais, “un Plan de retención e captación de profesionais que permita atraer persoal para ser formado e fidelizar o persoal a través da estabilidade laboral e de propostas atractivas para a formarción, a investigación e a organización laboral”.