O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolle a presentación de ‘La huella en Ourense del Zamora 8’
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou hoxe no Centro Cultural Marcos Valcárcel na presentación do libro editado pola Deputación de Ourense: La huella en Ourense del Zamora 8. El histórico regimiento de Infantería y su impronta en Galicia, do xornalista Fernando Ramos.
Na presentación da obra tamén participou o propio autor; o subdelegado de Defensa en Ourense, Jesús Antonio Peñas; e o suboficial maior do Rexemento Isabel La Católica, presente do Zamora 8, Jaime Muñoz.
A presentación deste libro enmárcase dentro das actividades organizadas pola Deputación de Ourense en colaboración coa Subdelegación do Ministerio de Defensa para conmemorar o 80 aniversario da chegada a Ourense do Rexemento Zamora 8.
Esta libro, “cabeira para calquera ourensá”, dixo Luis Menor, permitirá aos lectores revivir aqueles tempos nos que a presenza do Zamora 8 era unha constante na vida cotiá da cidade. Desde o ano 1943, ata a posterior disolución deste Rexemento en 1987, Ourense foi a cidade que acolleu a súa presenza. Unha relación que se foi cultivando ao longo dos 43 anos da presenza do Rexemento na cidade e que culminou coa entrega da Medalla de Ouro da cidade ao Zamora 8 pouco antes da súa disolución.
La huella en Ourense del Zamora 8 foi editado no marco do plan anual de Publicacións da Deputación de 2022 a través do concurso no que o Consello Asesor selecciona as obras que serán publicadas en cada anualidade segundo a súa calidade e interese para a provincia de Ourense.
“Este libro é unha memoria viva, abundantemente ilustrada, das relacións que durante máis de 40 anos mantivo o Rexemento de Infantería Zamora 8, coa cidade de Ourense”, dixo Luis Menor. Na obra, Fernando Ramos fai un recorrido histórico sobre o vello Tercio de Bobadilla e recupera en forma de álbum un valioso material gráfico extraído dos propios arquivos desta unidade antes de que desaparecera.
“Esta publicación é ao mesmo tempo unha crónica histórica e sentimental que evoca tempos pasados que deben ser lembrados. Pois foron miles de ourensáns e galegos os protagonistas das súas páxinas”, engadiu o presidente provincial.