O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolle unha mostra en homenaxe ao poeta Eduardo González Ananín

OurenseXa
Un total de 60 artistas fan a súa particular homenaxe ao poeta de Tibiás (Pereiro de Aguiar) nesta exposición que se poderá visitar ata o 13 de xullo
expo-anain-marcos-valcarcel
Inauguración da mostra ‘Tributo ao legado do poeta Eduardo González Ananín’
19 May 2025

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolle a exposición colectiva ‘Tributo ao legado do poeta Eduardo González Ananín’. Un total de 60 artistas, referentes na plástica en Galicia, fan a súa particular homenaxe ao poeta de Tibiás (Pereiro de Aguiar).

Pintores e escultores como Paco Leiro, Menchu Lamas, Quintana Martelo, Pamen Pereira son algúns dos nomes que ofrecen a súa visión artística nesta exposición multidisciplinar, posible grazas á colaboración coa Fundación Artiaga, que xuntou a máis de medio cento de artistas da plástica galega para esta homenaxe.

Eduardo González Ananín nace en Tibiás (Pereiro de Aguiar) en 1926. Na súa infancia na escola unitaria de Tibiás recibe a influencia do seu profesor, Manuel Luis Acuña, ao que admiraría sempre.

Emigra a Arxentina en 1951, onde desenvolvería toda a súa vida profesional. Ao longo da súa vida, non deixa de sentir o desarraigo, que permanecerá vivo cando regresa a España.
A súa casa en Arxentina converteuse nun punto de encontro permanente para a colectividade galega, que atopou en Ananín e na súa familia un refuxio e unha conexión coas súas orixes. Luis Seoane, Alberto Vilanova, Laxeiro ou Alberti son personalidades que encontraron acollida co poeta de Tibiás.

Entre os traballos, figura unha instalación con un proxecto novidoso de neurotecnoloxía e multisensorial, inspirado en “Padre Roble”, un dos poemas emblemáticos de Ananín. Os visitantes poden utilizar unhas diademas que transmiten as súas sensacións neurolóxicas a unha pantalla.

A exposición poderá visitarse ata o próximo 13 de xullo.

⚙ Configurar cookies
0.15314912796021