O Centro Integral de Loita contra o Lume de Toén acolleu a final estatal do desafío CanSat

Galicia acolleu este mércores a final estatal do desafío CanSat, o programa educativo da Axencia Espacial Europea que propón ao alumnado construír e lanzar pequenos satélites. O equipo andaluz ZephySat proclamouse gañador da competición e representará a España na fase europea, que se desenvolverá nos Países Baixos no mes de xuño.
O secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Manuel Vila, e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participaron ao longo do día de hoxe nas diferentes fases do certame, dende o lanzamento dos satélites ata a defensa dos proxectos e a entrega dos premios. Ambos felicitaron aos participantes polo seu esforzo e destacaron o valor desta iniciativa para achegar a mocidade á ciencia e á tecnoloxía a través dun enfoque práctico, motivador e cooperativo.
A xornada de lanzamento dos satélites tivo lugar pola mañá nas instalacións do Centro Integral de Loita contra o Lume de Toén, pechando así dous días de intensa actividade científica e educativa. Nestes días, os participantes, de entre 14 e 18 anos, recibiron tamén charlas e formación.
O IES Ferro Couselo de Ourense foi o escenario esta tarde da presentación dos proxectos e da entrega de premios, coa presenza de equipos procedentes de 15 comunidades autónomas. A cita celebrouse por primeira vez en Galicia, despois de ser escollida no Encontro Nacional de Nodos ESERO Spain, en recoñecemento á ampla traxectoria da nosa comunidade no impulso das vocacións STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) nas aulas.
Premiados por categorías
Xunto ao premio principal, recoñeceuse o labor doutros equipos nas distintas categorías. Así, o equipo Omega Space (Murcia) obtivo o galardón ao mellor logro técnico, CanRocketSenara (Castela e León) ao mellor logro científico, RASA-JC (Comunidade de Madrid) ao equipo máis profesional, SticCansat (Illas Baleares) á mellor difusión e Astrolautas (Aragón) o premio honorífico.
O programa CanSat desafía ao alumnado a construír un satélite do tamaño dunha lata de refresco, incorporando sistemas reais de alimentación, sensores e comunicación. Estes dispositivos son lanzados dende certa altura mediante un dron, un globo ou outro método, e deben recoller e analizar datos durante o descenso, garantindo unha aterraxe segura. Trátase dunha proposta educativa que combina rigor técnico e creatividade, favorecendo a aprendizaxe baseada en proxectos e o desenvolvemento de competencias STEM.