O CHUO acolle o acto de entrega da Axuda Clínico Junior

OurenseXa
A axuda, de ámbito nacional, está concedida pola Asociación Española Contra o Cancro
ACC_Axudas_Chuo
Acto de entrega da Axuda Clínico Junior adxudicada a Ourense
5 Mar 2024

A Asociación Española Contra o Cancro en Ourense celebrou esta mañá o acto de entrega da “Axuda Clínico Junior no Territorio AECC 2023” outorgada á Dra. Carme García Benito, oncóloga do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense e investigadora predoctoral do Grupo de Oncoloxía Dixestiva de Ourense (GIODO).

Esta prestixiosa axuda ten como obxectivo principal a aposta decidida pola investigación clínica e permitirá financiar un contrato de investigación para o próximos catro anos cunha dotación económica que ascende a 140.000 euros. Cabe destacar que durante 2023, a Asociación concedeu un total de 233 axudas competitivas por un importe total de 29,4 millóns de € e entre elas outorgou sete “Axudas Clínico Junior” en toda España, unha delas a de Ourense, o que lle outorga un enorme valor xa que todas as candidaturas presentadas foron sometidas a unha avaliación exhaustiva do candidato, do investigador principal e do proxecto, por parte de expertos independentes.

No acto de adxudicación da axuda participaron Félix Rubial, xerente da área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; Germán Rodríguez-Saá, presidente da Asociación Española Contra o Cancro en Ourense; Naiara Cambas, directora de Divulgación científica da Fundación Científica da Asociación Española Contra o Cancro; Joaquín Cubiella, xefe de sección de investigación na área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras e investigador responsable do Grupo de Investigación en Oncoloxía Dixestiva-Ourense; e Carme García, beneficiaria da Axuda Clínico Junior no Territorio AECC 2023 e investigadora clínica do devandito grupo no CHUO.

Proxecto seleccionado

O proxecto presentado pola Dra. García Benito titúlase “A comparación entre a colonoscopia e a detección de sangue en feces no cribado de cancro colorrectal” e céntrase na importancia da prevención do cancro colorrectal como unha prioridade de saúde pública.

Este traballo contribuirá a determinar a mellor estratexia de prevención deste tipo de cancro mediante a análise conxunta de dous estudos clínicos: COLONPREV, no que se comparou o test de sangue oculto en feces e a colonoscopia para diminuír a mortalidade, e POLYPREV, no que avaliou o test de sangue oculto en feces para o seguimento tras unha resección de lesións malignas.

O cancro colorrectal (CCR) representa a segunda causa de morte tumoral a nivel mundial. O cribado de CCR demostrou ser unha estratexia útil para a súa prevención. Por outra banda, as guías clínicas recomendan a vixilancia endoscópica tras a resección endoscópica de lesións premalignas avanzadas. Con todo, descoñécese que estratexia é máis eficaz para a redución da incidencia e a mortalidade asociada ao CCR.

O obxectivo principal do estudo COLONPREV é comparar o efecto do test inmunológico de sangue en feces e a colonoscopia na mortalidade e incidencia do CCR. No próximos catro anos completarase e analizará todos estes datos recolleitos na base de datos COLONPREV.

Por outra banda, o estudo POLYPREV foi deseñado para avaliar se tras a resección de lesións premalignas avanzadas, o test inmunológico de sangue en feces podería ser unha alternativa á vixilancia endoscópica. O obxectivo principal no próximos tres anos será completar o recrutamento. Ademais, avaliarase factores crave asociados ás diferenzas no rendemento diagnóstico das dúas estratexias de vixilancia

Axudas da Asociación para a investigación

A Asociación convoca as súas axudas de investigación en concorrencia competitiva e cobren todas as fases da carreira investigadora (desde prácticas como estudantes universitarios a grupos consolidados), todas as fases da investigación (desde a investigación básica para profundar no coñecemento do cancro ata a innovación e a investigación clínica para achegar os resultados aos pacientes), e todos os tipos de cancros, con especial énfase naquelas liñas identificadas como estratéxicas polo seu impacto nos pacientes (radioterapia, paliativos ou epidemioloxía).

En total, son 233 axudas adxudicadas en 2023 que, grazas ao esforzo da sociedade española, manteñen á Asociación Española Contra o Cancro como a entidade social e privada que máis proxectos apoia e máis investigadores axuda para investigar o cancro. A Asociación apoia un total de 603 axudas en desenvolvemento onde interveñen máis de 1.500 investigadores cuns fondos destinados de 114M€ en axudas.

As Axudas en Investigación da Asociación teñen como principais obxectivos apoiar o talento investigador para garantir a súa estabilidade laboral e que os investigadores desenvolvan o talento en España, impulsar a investigación clínica para involucrar aos profesionais médicos na investigación e así achegar os resultados aos pacientes e seguir apostando pola innovación con axudas específicas.

 

0.16619300842285