O CHUO acolle unha nova edición de Galisepsis

OurenseXa
Galisepsis vén sendo organizado desde 2013 por un grupo de especialistas do Servizo de Medicina Intensiva do Hospital Universitario de Ourense, liderados por Pablo Vidal Cortés
Imaxe aérea do CHUO
Imaxe aérea do CHUO
18 Out 2024

Ourense acolle Galisepsis, organizado por un grupo de profesionais do Servizo de Medicina Intensiva do Hospital Universitario de Ourense, que reúne os días 16, 17 e 18 de outubro a un colectivo multidisciplinar de especialistas e residentes en formación, para afondar nos seus coñecementos sobre a Sepse, grave reacción do organismo ante unha infección que dana os seus propios tecidos e órganos.

A infección, provocada por un microorganismo ou xerme (bacteria, virus ou fungo) diseminase polo torrente sanguíneo e provoca unha resposta inflamatoria xeneralizada, que pode afectar a órganos vitais e xerar un fallo multiorgánico, poñendo en grave risco a vida do paciente.

Pese a que aínda non se coñecen moitos dos porqués desta reacción orgánica daniña, a evidencia mostra que o diagnóstico e tratamento precoz da sepse aumenta as posibilidades de supervivencia. Velaí a importancia de afondar na formación dos especialistas, para reducir a súa letalidade, que supera á causada polo infarto de miocardio ou cancros como os de mama e intestinais xuntos.

Formación para loitar contra Sepse

A súa elevada incidencia e mortalidade, que se incrementou nos últimos anos en todo o mundo, é resultado de múltiples causas, como o envellecemento poboacional, o aumento de intervencións cirúrxicas de alto risco, en tódolos grupos de idade e o crecemento das infeccións causadas por xermes cada vez mais resistentes.

Galisepsis ven sendo organizado desde 2013 por un grupo de especialistas do Servizo de Medicina Intensiva do Hospital Universitario de Ourense, liderados por Pablo Vidal Cortés. Este ano agárdase a presencia de preto de 50 alumnos, tanto especialistas como residentes en formación, principalmente das especialidades de Medicina Intensiva e Anestesia e Reanimación.

O curso de este ano, segundo explica o seu director, Pablo Vidal, “enfocarase ao diagnóstico, tratamento antibiótico e resucitación da sepse” e, como os últimos anos, está organizado polo grupo de traballo de Ourense, Paula Fernández Ugidos, Lorena del Río Carbajo e Jorge Nieto del Olmo.

Como profesores, participan tamén Sandra Campos Fernández e Elena Cuenca Fito, especialistas do Servicio de Medicina Intensiva de Ourense, e recoñecidos expertos en Medicina Intensiva como Cruz Soriano Cuesta, do Servizo de Medicina Intensiva do Hospital Ramón y Cajal de Madrid, Montserrat Rodríguez Gomez, do Servizo de Medicina Intensiva do Hospital Clínico San Carlos de Madrid; Federico Gordo Vidal, do Servizo de Medicina Intensiva do Hospital Universitario del Henares de Madrid, Pedro Rascado Sedes, do Hospital Clínico de Santiago de Compostela; Pablo Blanco Schweizer, do Servizo de Medicina Intensiva do H.U. Río Ortega de Valladolid; ademais de David Andaluz Ojeda, intensivista do Complejo Asistencial Universitario de Palencia, entre moitos outros.

Asemade asistirán como ponentes outros especialistas de recoñecido prestixio das especialidades de microbioloxía, enfermidades infecciosas ou traumatoloxía de diversos hospitais galegos e nacionais. A inauguración de Galisepsis estivo presidida polo xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, Santiago Camba Bouzas; e polo director do curso, Pablo Vidal Cortés.

0.20215606689453