O CHUO consolídase como un dos principais focos de formación en uroloxía de Galicia

OurenseXa
Ourense acollerá do 14 ao 15 de novembro as XXVI Xornadas Cirúrxicas de Uroloxía, cunha gran presenza feminina
novo-paseo-verde-chuo
12 Nov 2025

O Hospital Universitario de Ourense será sede o vindeiro 14 e 15 de novembro das XXVI Xornadas Cirúrxicas de Uroloxía, un evento que reafirma a cidade como un dos principais focos de formación e innovación nesta especialidade en Galicia. Baixo o lema “Uroloxía en feminino, á vangarda tecnolóxica”, o encontro destaca polo protagonismo das mulleres na uroloxía, tradicionalmente unha área dominada por homes, e pola incorporación das últimas tecnoloxías cirúrxicas.

Durante estas dúas xornadas, as intervencións cirúrxicas serán realizadas por urólogas e retransmitidas en directo desde os quirófanos do CHUO, permitindo a interacción e o debate en tempo real con profesionais de toda España. Ademais, o evento contará coa participación de especialistas galegas e doutros puntos do Estado, consolidando unha visión práctica e avanzada da uroloxía.

O comité organizador está formado polas doutoras Paula Portela Pereira, Arlene Rodríguez González e Estefanía Romero Selas, todas urólogas do CHUO, que resaltan o apoio recibido desde o inicio. “A proposta naceu do noso xefe de servizo, Dionisio López Bellido, que apoiou dende o principio a idea de facer unhas xornadas en feminino e cedernos o protagonismo ás urólogas do servizo para liderar a organización. Foi moi ben acollida, tanto dentro como fóra de Galicia, e todas as compañeiras prestáronse a colaborar desde o primeiro momento”, explica Paula Portela.

Estas xornadas inclúen procedementos cirúrxicos pouco habituais na práctica diaria e que non están dispoñibles en todos os hospitais galegos. “Cada ano intentamos incorporar técnicas que se saian un pouco do común, operacións complexas ou que empregan sistemas tecnolóxicos máis avanzados. Ese é o atractivo das xornadas: aprender o que non se ve todos os días”, sinala Arlene Rodríguez.

Un dos grandes avances é a cirurxía robótica co sistema Da Vinci, que segundo explica Estefanía Romero, “revolucionou a nosa forma de operar: ofrécenos máis precisión, mellor visión e un manexo máis cómodo. Democratizou a cirurxía, permitindo que máis profesionais accedan a técnicas laparoscópicas complexas”.

Arlene Rodríguez destaca a importancia do formato aberto e colaborativo do encontro, salientando que “o máis importante é que abrimos o noso hospital a toda Galicia, cun formato participativo e colaborativo. Haberá representación de todos os hospitais galegos, con urólogas que veñen a operar ou a axudar, e iso amosa o nivel e a unidade da uroloxía galega”.

As xornadas contarán coa presenza de profesionais de hospitais de referencia como o Hospital Clínic de Barcelona, a Fundación Jiménez Díaz de Madrid, o Hospital Universitario de Santiago (CHUS), o Gregorio Marañón, o HULA e o CHUAC, ademais do equipo anfitrión do CHUO.

⚙ Configurar cookies
0.0762939453125