O CHUO instala unha nova tecnoloxía que situará a Ourense na vangarda no diagnóstico de enfermidades dixestivas

OurenseXa
Trátase dos novos equipos endoscópicos, nos que a Xunta investiu 4,8 millóns de euros
chuo-novos-equipos-dixestivos
Presentación dos novos equipos endoscópicos do CHUO
26 Dec 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, visitou hoxe o Hospital Universitario de Ourense para supervisar a finalización da instalación dos novos equipos endoscópicos, nos que a Xunta investiu 4,8 millóns de euros, e que suporán un antes e un despois no diagnóstico das enfermidades dixestivas na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

Na compaña de Santiago Camba, xerente desta área sanitaria, o conselleiro visitou as instalacións da unidade de probas diagnósticas do Servizo de Dixestivo. A tecnoloxía sanitaria de última xeración adquirida pola Xunta está composta por oito torres de videoendoscopias, seis monitores de imaxe 4K, dous monitores 4K con sistema de intelixencia artificial, electrobisturís, insufladores, bombas de irrigación e sondas endoscópicas.

Tal e como explicou Gómez Caamaño, os novos equipos distribúense entre as oito salas de endoscopia que hai nos tres hospitais da área sanitaria. En concreto, seis dos equipos instaláronse no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, un no hospital público de Verín e outro no hospital público de Valdeorras.

O titular da carteira sanitaria remarcou que esta tecnoloxía suporá unha mellora significativa na precisión do diagnóstico e na redución dos tempos de realización das probas, o que, sen dúbida, beneficiará tanto aos pacientes como aos profesionais.

Os novos videoendoscopios contan cun monitor de lámpadas LED o que permitirá un notable aforro enerxético, en liña co compromiso ambiental do Servizo Galego de Saúde. Ademais implican melloras ergonómicas para o persoal sanitario, ao ofrecer un maior control e marxe da manobra coas súas rodas de dirección.

O novo equipamento mellorará a detección de lesións grazas á obtención de imaxes en alta definición e á innovadora tecnoloxía iScan, ferramenta chave no diagnóstico precoz.

Actividade e compromiso coa mellora das prestacións

Na súa visita, o conselleiro remarcou que as unidades de probas diagnósticas de aparello dixestivo da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras realizan máis de 15.000 exploracións cada ano, das que preto de 9.000 son colonoscopias, máis de 5.000 son gastroscopias e preto de 1.000 ecoendoscopias. Agora, cos novos dispositivos, ampliaranse as posibilidades.

Co investimento realizado, a Xunta reafirma o seu compromiso coa innovación e a optimización das prestacións no sistema público de saúde, garantindo que as instalacións e o equipamento sanitario estean á altura das necesidade da poboación.

Para rematar a súa intervención, Gómez Caamaño puxo en valor que o Servizo de Aparello Dixestivo desta área sanitaria foi no 2013 o primeiro de España en obter o certificado de calidade e seguridade do paciente, unha acreditación que conseguiu renovar en 2022, o que reflicte o traballo dos seus profesionais cara á excelencia e a mellora continua na prestación da asistencia á cidadanía.

0.18634796142578