O CHUO inaugura un novo paseo verde na explanada de acceso

Coincidindo co Día do Medio Ambiente, a Área Sanitaria reafirma o seu compromiso coa iniciativa “One Health”, que entende a saúde de forma integral, incluíndo ás persoas, o clima e o planeta. Esta estratexia tradúcese en accións concretas que xa evitaron a emisión de toneladas de CO₂ á atmosfera, co obxectivo de reducir o impacto ambiental da actividade sanitaria, limitar a pegada de carbono e avanzar cara un modelo hospitalario máis sostible e resiliente.
Ourense participa activamente en todas as liñas do proxecto europeo “Boas Prácticas na Descarbonización dos Hospitales”, promovido polo Servizo Galego de Saúde xunto coa organización europea “Sanidade polo Clima”, no marco das políticas medioambientais da Xunta de Galicia. As actuacións desenvolvidas abranguen ámbitos como a eficiencia enerxética, o aforro de auga, a xestión de residuos, a mobilidade sostible, a dixitalización e a farmacia hospitalaria.
Grazas á instalación de paneis solares fotovoltaicos nas cubertas dos tres hospitais públicos de Ourense, xerouse unha produción de 243.000 kWh de enerxía, evitando a emisión de 60 toneladas de CO₂. Esta redución incrementarase durante este ano coa posta en funcionamento de novos paneis no edificio de urxencias e na cuberta do Hospital Público de Verín.
UN NOVO PASEO VERDE
Esta mesma semana, o Hospital Universitario de Ourense inaugurou o seu novo paseo verde, coa instalación de pérgolas cubertas de plantas trepadoras. A iniciativa forma parte do proxecto europeo LIFE RESYSTAL (Climate change Resilience framework for health systems and hospitals), que busca mellorar a resiliencia climática dos sistemas sanitarios.
O obxectivo deste paseo é reducir a temperatura ambiental mediante a sombra das pérgolas e a evapotranspiración das plantas, o que arrefría o aire de maneira natural. Este tipo de espazos tamén contribúen a mitigar o efecto “illa de calor” característico das cidades, ademais de absorber dióxido de carbono, actuando como sumidoiros naturais.
Tamén se puxeron en marcha actuacións similares noutros hospitais da área. No Hospital Público de Valdeorras instalouse unha cuberta vexetal, que mellora o illamento térmico, reduce a contaminación e axuda a captar carbono. En Verín desenvolverase un sistema de recollida de augas pluviais para o rego de zonas verdes, e adaptaranse instalacións para permitir a reutilización de augas grises —procedentes de duchas e lavabos— nos sistemas de descarga de inodoros e urinarios, tras sometelas a un proceso de decantación e desinfección, o que permitirá reducir o consumo de auga potable.
SUSTENTABILIDADE DO SISTEMA SANITARIO
A Área Sanitaria tamén incorporou sistemas de reciclaxe de papel, colectores reutilizables para residuos de clase III e separación selectiva de residuos doutras clases. Entre os proxectos pioneiros destaca un desenvolvido xunto ao Campus de Ourense para valorizar residuos orgánicos de cociña, co fin de extraer compostos de valor biolóxico como o coláxeno.
Ourense foi tamén a primeira área sanitaria en incluír criterios medioambientais para reducir a dependencia de combustibles fósiles na contratación do transporte sanitario non urxente, o que permitiu que os seus hospitais sexan os primeiros de España en dispoñer de ambulancias eléctricas. O Hospital Universitario de Ourense tamén conta con puntos de recarga para vehículos eléctricos, e os coches do servizo de Hospitalización a Domicilio son híbridos.
Ademais, a área dispón de paneis solares fotovoltaicos e térmicos, sistemas de coxeneración de alta eficiencia e caldeiras de biomasa nos centros de Piñor e Ourense. En varios centros de Atención Primaria implantáronse sistemas de aerotermia VRV de alta eficiencia enerxética.
O novo sistema SCADA BMS permite o control en tempo real das instalacións, adaptándoas a variables ambientais como a temperatura ou a humidade exterior, mellorando significativamente a eficiencia enerxética dos edificios hospitalarios.
Desde hai cinco anos, a Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras forma parte da rede global “Green and Healthy Hospitals” e “Health Care Without Harm”, organizacións que promoven unha sanidade comprometida tamén coa saúde do planeta, e que recoñeceron o esforzo realizado con diversos premios e iniciativas exemplares.