O CHUO sitúase á vangarda no tratamento do Cancro de Próstata
O tratamento mediante a técnica de Radioterapia Estereotáctica Corporal (SBRT) está indicado para pacientes con cancro de próstata en estadío precoz que permite a administración de doses altamente precisas en só cinco sesións, ofrecendo resultados prometedores en termos de eficacia e calidade de vida.
Os dous novos aceleradores lineais de última xeración do CHUO permiten pasar de tratamentos que duraban entre 1 e 2 meses a tan só 5 días, o que facilita a vida do paciente e reduce os custos asociados ao procedemento. Grazas a avanzadas tecnoloxías de imaxe, a SBRT presenta unha maior precisión xa que permite identificar con gran exactitude a localización do tumor, o que garante que a radiación se dirixa ao volume que se desexa tratar.
O Hospital Universitario de Ourense comezou durante este mes de decembro o tratamento con Radioterapia Estereotáctica Corporal (SBRT) indicado en pacientes con cancro de próstata en estadio precoz. Esta técnica avanzada permite a administración de doses altamente precisas en só cinco sesións, ofrecendo resultados prometedores en termos de eficacia e calidade de vida.
O cancro de próstata é un dos tumores máis comúns en homes, o cal afecta a case 1,5 millóns de homes anualmente en todo o mundo. A maioría dos pacientes con cancro de próstata son diagnosticados cunha enfermidade potencialmente curable e hai unha variedade de tratamentos dispoñibles (incluíndo radioterapia externa, braquiterapia ou cirurxía).
Grazas aos avances na medicina, cada vez contamos con máis ferramentas para combatelo e unha delas é a radioterapia estereotáctica fraccionada (SBRT), un tratamento que está a revolucionar a forma en que se aborda este tipo de cancro.
O Servizo de Oncoloxía Radioterápica do Hospital Universitario de Ourense deu un paso significativo na loita contra o cancro de próstata ao incorporar desde este mes de decembro a radioterapia estereotáctica fraccionada (SBRT) á súa carteira de tratamentos.
Esta técnica de alta precisión require dun traballo en equipo onde participan ademais de Oncoloxía Radioterápica, o Servizo de Uroloxía e Radiofísica, sumándose a outros tratamentos xa existentes, o cal permite ofrecer aos pacientes unha nova opción terapéutica.
O doutor Rubén Ramírez Vargas, FEA de Oncoloxía Radioterápica do CHUO salienta que “A implementación de SBRT permítenos ofrecer un tratamento eficaz e menos invasivo, con menores molestias para os pacientes con cancro de próstata”. A SBRT consiste nun tratamento guiado por imaxe polo que é necesaria a colocación previa duns marcadores radiopacos que van dentro da próstata.
O Xefe de Servizo de Uroloxía do CHUO, Dionisio López Bellido explica a importancia do marcaxe da próstata “os marcadores fiduciales se colocan no quirófano coa axuda dun ecógrafo o que facilítannos, cunha precisión milimétrica, a posición da próstata e así evitar os posibles efectos secundarios da radioterapia”.
A SBRT é unha técnica de radioterapia de alta precisión que permite administrar altas doses de radiación a un tumor en poucas sesións, para pacientes seleccionados. A diferenza da radioterapia convencional, que distribúe a radiación en múltiples sesións ao longo de varias semanas, a SBRT realízase en só 5 días. Rubén Ramírez destaca que “mediante a realización dun TAC previo delimitamos o volume que queremos irradiar, cun pequeno marxe para protexer o resto de tecidos”.
Alta tecnoloxía radioterápica en Ourense
Actualmente Ourense conta con dous aceleradores lineais con tecnolóxica de última xeración que dispoñen de haces de radiación de alta enerxía que se administran nun curto espazo de tempo. Para a doutora Ana María Rodríguez Fernández, Xefa de Sección de Radiofísica do CHUO, “esta tecnoloxía permítenos dar unha alta cantidade de doses en pouco tempo e non alongar o tempo do tratamento dos pacientes”. Para elo é preciso ter un maior coidado cos órganos de risco e co tumor a tratar “por iso é necesario a marcaxe cos marcadores fiduciais que van guiando durante todo o tratamento”.
A doutora Rodríguez salienta a seguridade do tratamento xa que “o acelerador fai unha imaxe cada poucos segundos e se hai movemento da próstata e sae dos límites de tolerancia, o tratamento párase automaticamente para colocar de novo ao paciente. Isto posibilita que poidamos darlle unha dose de radiación moi alta, mantendo sempre a súa seguridade”.
Grazas a avanzadas tecnoloxías de imaxe, a SBRT presenta unha maior precisión xa que permite identificar con gran exactitude a localización do tumor, o que garante que a radiación se dirixa ao volume que se desexa tratar. Asemade minimiza o dano aos tecidos sans ao concentrar a dose nunha área máis pequena reducindo o risco de efectos secundarios como incontinencia urinaria ou disfunción eréctil, que son comúns noutros tratamentos.
Un dos aspectos máis salientables é tamén un menor tempo de tratamento xa que o número de sesións é significativamente menor en comparación coa radioterapia convencional, pasando de tratamentos que duraban entre 1 e 2 meses a tan só 5 días, o que facilita a vida do paciente e reduce os custos asociados ao procedemento. Esta técnica que se está a aplicar no Hospital Universitario de Ourense presenta unha alta taxa de éxito xa que os estudos clínicos están a demostrar que a SBRT é tan efectiva como outros tratamentos estándar para o cancro de próstata, con taxas de control local similares e moi boa tolerancia.