O CIFP A Carballeira recibiu o primeiro premio ConVivimos 2024 de convivencia e benestar emocional

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, recoñece o labor que os docentes e os equipos directivos realizan no día a día nas aulas a prol dun ensino máis inclusivo, unha cuestión “prioritaria” para o Goberno galego que se vai reforzar cunha nova estratexia neste eido que se está ultimando logo da posta en común e o diálogo co conxunto de actores da comunidade educativa.
Así o sinalou este xoves no acto de recoñecemento a 18 centros educativos polas súas boas prácticas no eido da inclusión e da convivencia escolar nos Premios de boas prácticas de inclusión educativa, ConVivimos e Tolerancia cero contra o acoso escolar, no que estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández. O obxectivo destes galardóns, impulsados pola Consellería de Educación, é fomentar a participación do alumnado en actividades que promovan o respecto polo dereitos humanos, a atención á diversidade, a convivencia e o bo clima nas aulas e o benestar emocional, e que estes proxectos sirvan de exemplo para o conxunto da comunidade educativa.
Segundo asegurou o conselleiro, a Estratexia de inclusión educativa de Galicia, que se presentará en breve, será a folla de ruta que se despregará a partir do vindeiro curso coa implementación de novas accións de inclusión e o reforzo das xa en marcha como estes galardóns que formarán parte dela.
Se ben é certo que o sistema educativo galego se sitúa como o máis inclusivo e equitativo do Estado, o conselleiro avoga por seguir avanzando “con paso firme” neste eido e para iso demanda a implicación do conxunto da sociedade e, especialmente, do alumnado e do profesorado dos centros educativos, aos que felicitou polo compromiso demostrado día a día.
Entre os centros premiados atópanse catro da provincia de Ourense: O CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel, que recibiu o primeiro primeiro da Clase B ConVivimos 2024 de convivencia e benestar emocional; os CEIP Plurilingüe do Xurés (Lobios) e IES Carlos Casares (Ourense), cunha mención de honra en boas prácticas de educación inclusiva; e o IES Xesús Taboada Chivite (Verín), que acadou o terceiro premio en tolerancia cero contra o acoso.