O CGIFP Eduardo Barreiros consolídase como referente na innovación aplicada á formación profesional

OurenseXa
Durante unha visita da conselleira de Desenvolvemento Educativo e FP da Junta de Andalucía ao cento, a Xunta puxo en valor os proxectos de innovación e investigación que desenvolve esta institución educativa
delegacion-adalucia-visita-cifp-eduardo-barreiros
A conselleira de Desenvolvemento Educativo e FP da Junta de Andalucía visita o CIFP Eduardo Barreiros
12 Mar 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, compartiu coa conselleira de Desenvolvemento Educativo e FP da Junta de Andalucía, María del Carmen Castillo, os avances que Galicia está a realizar en materia de innovación educativa, en especial no modelo de éxito da FP galega. Para iso, unha delegación andaluza visitou os dous centros referentes do noso sistema educativo neste eido: o Centro Galego da Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros, en Ourense, e o Centro de Innovación Educativa e Dixital, na Cidade da Cultura.

Esta visita supón unha continuación da realizada polo propio conselleiro a Sevilla o pasado mes de febreiro co fin de intercambiar boas prácticas educativas entre ambas comunidades, un bo exemplo de colaboración a favor do ensino. Nese senso, ambos gobernos autonómicos coinciden na necesidade de impulsar a investigación no eido educativo para implantar novas solucións. A iso precisamente se dedican os dous centros visitados nesta xornada, cunha aposta destacada pola renovación metodolóxica e por fomentar o contacto entre o ámbito educativo e o tecido produtivo e as empresas.

Na súa visita ao Centro Galego da Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros, un centro referente nesta materia en toda España, a delegación andaluza coñeceu os proxectos de innovación e investigación que desenvolve o centro en colaboración con empresas e centros educativos para contribuír ao desenvolvemento de sectores punteiros da economía galega e mellorar os procesos produtivos.

Proxectos punteiros na FP

No ámbito da innovación aplicada, neste momento están en marcha, na área de Biotecnoloxía Aplicada, o proxecto Economía Circular do ciclo da auga, para a recuperación sostible de auga residual, e Favegal: aumento da autonomía do vehículo eléctrico, co obxectivo de mellorar o aproveitamento destes coches nunha aposta polas enerxías alternativas desde a área de Enerxía e Sostibilidade Ambiental.

Na área de Industria 5.0 está en desenvolvemento unha iniciativa de creación e deseño de xemelgos dixitais para o sector industrial e de utilización de robots colaborativos para poñer en práctica procesos de manipulación totalmente automatizados; mentres que na de Gastronomía Multisensorial se traballa en Enogastronomía 5.0, para a posta en marcha de experiencias de degustación únicas e deseño de produtos e servizos innovadores neste eido para poñelos a disposición do sector.

No que atinxe aos proxectos de innovación educativa, Vetinen. Vocational training innovative english xa está a ser empregado por máis de 68.000 alumnos e 300 profesores en máis de 200 centros. Trátase dun proxecto educativo pioneiro e innovador impulsado pola Xunta para aplicar a intelixencia artificial na aprendizaxe de inglés nos ciclos formativos e que parte da área Realidade Estendida Aplicada. Trabállase, ademais, en eMOTIONFP: Deseño de vehículos enerxéticamente eficientes, de deseño de vehículos eficientes que compiten en probas que permiten testar a súa eficiencia.

A delegación andaluza visitou tamén a area de Fabricación Aditiva, onde coñeceu o labor que se está a realizar en aplicacións e impresoras de fabricación avanzada 3D e modelado e en escaneado de alta precisión.

Finalmente, Román Rodríguez destacou tamén o programa InnovaTech FP, a través do que un total de 20 firmas punteiras propoñen retos tecnolóxicos ao alumnado de FP para que busquen solucións innovadoras, conectando así aos estudantes co sector empresarial mediante a innovación tecnolóxica e a transferencia de coñecemento.

⚙ Configurar cookies
0.032956123352051