O Colexio Rodríguez Barroso recibe o punto laranxa contra o acoso escolar
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, acompañada da directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, entregou hoxe ao Colexio CEIP Plurilingüe Amadeo Rodríguez Barroso de Ourense, un dos máis de mil puntos laranxas contra o acoso escolar que a Xunta está distribuír por toda Galicia ao abeiro do Plan Integral contra o Acoso e o Ciberacoso impulsado pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.
Con esta medida, especificou a conselleira, o centro ourensán convértese en espazo referente na loita contra calquera discriminación e como exemplo de convivencia. Non en balde, este centro é un exemplo de participación en distintas iniciativas da Administración autonómica neste eido e destaca, sobre todo, pola implicación activa do seu equipo docente en desenvolver estratexias que contribúan á inclusión de todas e todos, en fomentar os valores de respecto á diversidade, con especial atención ao alumnado con necesidades educativas.
O do Rodríguez Barroso é un dos 1.242 puntos laranxas que a Xunta de Galicia está a repartir entre colexios e institutos, espazos xoves, residencias xuvenís e de estudantes.
Estes puntos contan cunha imaxe común e uniforme para que sexan perfectamente identificados e accesibles polo alumnado. Funcionan a modo de caixa de correo na que o alumnado pode comunicar ou denunciar, desde o anonimato, posibles situacións de acoso ou ciberacoso que sufran na súa persoa ou en terceiros. Ademais do formato físico, créase unha versión virtual a través das webs de cada un dos centros educativos.
A conselleira referendou o compromiso da Administración autonómica coa tolerancia total coa igualdade e a discriminación cero.
A área de Promoción do Emprego e Igualdade, lembrou, está a colaborar coa área de Educación a través da iniciativa Ti Elixes, coa que se está a concienciar ás novas xeracións de que as mulleres poden e deben escoller a súa profesión: atendendo ás súas capacidades ou motivacións persoais, sen deixarse limitar por estereotipos nin por falsas crenzas.
Tal e como recalcou Rivo, son múltiples as iniciativas en prol da Igualdade e contra a violencia de xénero que se están a trasladar ao ámbito educativo. O Goberno galego está a achegar aos máis novos a mulleres referentes de todas as disciplinas e facelos partícipes, a través de concursos e actividades, da mensaxe unívoca de “Non á violencia” que seguirá a defender Galicia.