O Concello de Ourense contará con 4,2 millóns de euros para mellorar o ciclo urbano da auga
O Concello de Ourense obtivo unha subvención de 4,2 millóns de euros para desenvolver un programa de actuacións para mellorar o ciclo urbano da auga, que suporán un investimento total de 5,4 millóns de euros.
O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) fixo pública a resolución provisional da segunda convocatoria de subvencións de 2023 destinadas a proxectos que melloren a eficiencia do ciclo urbano da agua.
O Concello de Ourense é un dos beneficiarios destas axudas, que se enmarcan no PERTE (Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica) para a dixitalización do ciclo da auga, que forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU.
O proxecto de Ourense foi un dos 50 seleccionados entre as 248 solicitudes presentadas á convocatoria, logo de obter un total de 74 puntos. A proposta de Ourense consta de 36 actuacións, cun orzamento total de 5.423.023,52 euros, dos que 4.297.590,92 euros serán financiados con esta subvención.
O proxecto busca a mellora da eficiencia dos procesos do ciclo urbano da auga a través da súa dixitalización completa, ao obxecto de alcanzar unha prestación do servizo “focalizada no dato, de tal maneira que as decisións de operación que se tomen sexan obxectivas e resilientes”, segundo explican desde o servizo municipal.
Así, deseñaranse e implantarán dous modelos hidráulicos, un na rede de distribución e o outro na rede de saneamento, e actualizarase o Sistema de Información Xeográfica; optimizarase a eficiencia enerxética da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Reza mediante a implantación dunha planta de enerxía solar fotovoltaica de 300 kWp; utilizarase auga rexenerada polo terciario da EDAR de Reza para a rega das novas superficies verdes do proxecto "Illa de calor"; renovarase parcialmente o parque de contadores de tipo mecánico por 4.000 unidades de contadores intelixentes; sensorizaranse as estacións de tratamento de auga potable (ETAP) de San Francisco e As Coiñás, ademais de toda a rede de saneamento en caudal e en nivel para evitar desbordamentos en momentos de choivas torrenciais e todos os puntos de vertedura; e diminuirase a auga non rexistrada (ANR) un 7 %, é dicir, 86.617 m3/ano que non se perderán por fugas estruturais e subcontaxe de aparellos de medida.