O Concello de Ourense propón unha modificación de crédito de máis de 25 millóns de euros

OurenseXa
O crédito iría destinado a realizar melloras e investimentos na cidade, como a renovación da pasarela de Outariz, proxectos de mobilidade vertical ou acondicionamento de zonas verdes
concello-ourense-recurso
9 Sep 2025

O Goberno Municipal de Ourense propón unha nova modificación de crédito que, neste caso, ascendería a máis de 25 millóns de euros e que, segundo explican dende o executivo de Gonzalo Pérez Jácome, tería como obxectivo realizar investimentos na cidade.

O alcalde presentou a proposta esta mañá ante á xunta de portavoces e deberá ser aprobada polo pleno do Concello para poder levarse a cabo. Segundo Jácome, a proposta “busca o interese xeral, xa que se trata de executar investimentos en obras e proxectos na cidade”, polo que confía en que o Pleno dea luz verde á modificación, ao igual que ocorreu coa proposta de modificación de crédito aprobada para executar as obras do Parque de Canedo.

Concretamente, a solicitude de modificación orzamentaria para o exercicio 2025 presentada pola Concellería de Obras Públicas, Servizos Urbanos, Medio Ambiente e Urbanismo inclúe 11 actuacións, por un importe total de 25.732.660,98 euros:

  • Proxecto de humanización e mobilidade vertical coa execución de ramplas mecánicas na rúa Vasco Díaz Tanco (barrio da Cuña) por importe de 5.243.114,57 euros
  • Proxecto de humanización e mobilidade vertical coa execución de ramplas mecánicas na contorna da rúa Rampla de Sas: 3.686.142,86 euros
  • Proxecto de execución para obra de restauración da pasarela sobre o río Miño en Outariz: 1.695.391,81euros
  • Proxecto de Rehabilitación da Pasarela do Vao (Parque Miño): 799.014,96 euros
  • Contrato para a posta en valor de 40 parques infantís, áreas de ocio e esparexemento do Concello de Ourense: 3.580.000,00 euros
  • Acondicionamento do parque e zonas verdes na contorna da praza Daniel González: 1.234.470,88 euros
  • Subministración de colectores de carga lateral en superficie, destinados á recollida de residuos sólidos urbanos, envases lixeiros, papel-cartón, vidro e biorresiduos: 3.053.620,61 euros
  • ACUAES. Cumprimento das sentenzas xudiciais 124/2021 do Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 1 de Ourense e 491/2021 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (Procedemento Ordinario 241/2018): 4.644.117,18 euros
  • Execución Definitiva 8/2018-B do Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 2 de Ourense (Procedemento Ordinario 497/2014) en relación coa "Reparación da praza pública/terraza da Avenida de Marín nº 2": 1.026.308,11 euros
  • Redacción do Plan Especial de Protección do Sitio de Interese Histórico das Fontes Termais das Burgas e do Conxunto de Interese Histórico da Cidade de Ourense: 677.600,00 euros
  • Redacción adaptación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOU): 92.880,00 euros
⚙ Configurar cookies
0.14691686630249