O Consello Asesor de Pacientes traballa na planificación dos traslados provisionais dos usuarios do Novoa Santos

OurenseXa
Desde a dirección da Área Sanitaria expúxose tamén a programación prevista para adiantar o traslado da hospitalización do edificio Materno Infantil
cis-novoa-santos
CS Novoa Santos
8 Apr 2025

O Consello Asesor de Pacientes da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, reuniuse na tarde deste luns, por convocatoria extraordinaria da dirección da sanidade pública provincial, para aportar información e recibir as suxestións ou consultas dos representantes das asociacións membros sobre a evolución das obras e actuacións previstas nos vindeiros meses.

Como estaba previsto, o tema central foi a planificación de traslados provisionais para garantir o mantemento da asistencia aos usuarios e usuarias do Centro de Saúde Novoa Santos, á vez que se posibilita a demolición do actual edificio, onde a Xunta de Galicia construirá o novo Centro Integral de Saúde (CIS) de Ourense, un proxecto cun investimento previsto superior aos 10 millóns de euros.

No solar que quedará dispoñible está previsto construír o novo edificio do CIS, de once plantas e con espazo para desenvolver actividades de saúde comunitaria, docencia, cirurxía menor, áreas específicas para a atención á muller, de pediatría e odontoloxía, probas diagnósticas, traballo social, saúde mental, fisioterapia ou farmacia. Serán unhas infraestruturas adaptadas as actuais necesidades sanitarias en canto a sistemas de información, comunicacións climatización, e por suposto accesibilidade, eliminando obstáculos e facilitando o paso de usuarios en cadeira de rodas, parada de turismos e ambulancias, e en xeral a circulación das persoas polo centro.

Igualmente desde a dirección da Área Sanitaria expúxose a programación prevista para adiantar o traslado da hospitalización do edificio Materno Infantil, tal e como se acordou a semana pasada.

Estes traslados, ao igual que os previstos no Novoa, serán provisionais ata a súa transferencia ao edificio de hospitalización, actualmente en construción, con doce plantas, dez en superficie e dúas soto, no que a Xunta está a investir máis de 52 millóns de euros.

Á reunión desta tarde acudiron o xerente e director asistencial da Área Sanitaria, Santiago Camba e Eloy Sánchez, xunto co subdirector de Humanización e Calidade, Xosé Lois Gutierrez e a xefa de Servizo de Humanización, Belén Piñeiro.

Órgano de participación e consulta

O Consello Asesor de Pacientes de Ourense, Verín e Valdeorras é unha estrutura de participación e asesoramento, que facilita o contacto directo entre pacientes e xestores da sanidade pública de Ourense, para recoller súas percepcións e achegas, cara ao desenvolvemento conxunto de obxectivos asistenciais e de humanización dos servizos sanitarios públicos.

Con este obxectivo, ademais do contacto continuado, a través de distintas iniciativas bilaterais, o consello reúnese un mínimo de dous veces ao ano para abordar diferentes temas de actualidade.

En Ourense está formado polas seguintes asociacións: de Enfermos/as de Crohn e Colite Ulcerosa de Ourense (Accu Ourense); Asociación Española Contra o Cancro (AECC Ourense); de Familiares de Alzheimer e outras Demencias de Ourense (Afaor); de Fibromialxia, Síndrome de Fatiga Crónica e Sensibilidade Química Múltiple de Ourense (Affou); Galega de Hemofilia (Agadhemo); Galega de Linfedema, Lipedema, Insuficiencia Venosa Crónica e outras Patoloxías Vasculares Periféricas (Agl); para a Loita contra as Enfermidades Renais de Ourense (Alcer Ourense); de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes de Galicia (Anedia); Ourensá de Esclerose Múltiple, ELA, Párkinson e outras Enfermidades Neurodexenerativas (Aodem); de Persoas Xordas de Ourense (Apsou); para a Saúde Emocional na Infancia e Adolescencia (Aseia); Asociación Diabética Auria (Auria); de Dano Cerebral Adquirido de Ourense (Renacer); de Persoas con Discapacidade da Comarca de Valdeorras e Asociadas (Disvalia); Asociación Down Ourense (Down Ourense); de Familiares e Enfermos Mentais Morea (AFEM Morea); por Eles Tea Ourense (Petea); e as Federación de Asociacións de Persoas con Discapacidade de Ourense (Discafis-Cogami); Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (Fegerec) e a Liga Reumatolóxica Galega (LRG).

⚙ Configurar cookies
0.16648197174072