O edificio Politécnico do campus de Ourense acolle a mostra "O herbario de Rosalía"

OurenseXa
A mostra poderá visitarse ata este venres 12 de abril
herbario_rosalia
Mostra "O herbario de Rosalía"
9 Abr 2024

O edificio Politécnico do campus de Ourense acolle estes días a mostra O herbario de Rosalía. Nela pódense ver fotografías dunha selección das herbas, plantas e árbores citadas pola escritora galega ao longo da súa obra. A exposición é unha homenaxe a esta autora e tamén ao vínculo entre literatura e natureza.

A iniciativa é froito da colaboración entre a Universidade de Vigo (concretamente a Vicerreitoría de Extensión Universitaria, a Área de Normalización Lingüística e as vicerreitorías dos campus de Ourense e Pontevedra) e a Fundación Rosalía de Castro.

A súa orixe está nun proxecto de investigación da Universidade de Santiago de Compostela no que se levou a cabo un baleirado completo da obra da escritora galega e se elaborou unha base de datos coas mencións das distintas especies na súa produción poética, en prosa, no seu epistolario e nos seus artigos de prensa, explica o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira. O seguinte paso foi a elaboración física dun herbario con 150 pregos que está depositado na Fundación Rosalía de Castro. Unha selección dese herbario é a recollida en fotografías na mostra que se pode ver agora no campus de Ourense. O proxecto,  é froito do traballo interdiciplinar de María López (filoloxía), Mª Isabel Fraga (botánica) e Miguel Fraga (fotografía).

A exposición consta de 40 imaxes agrupadas en cinco seccións: rosas, herbas do campo florido, herbiñas do camposanto, árbores e outras flores, plantas e especies comestibles. Ademais dun panel introdutorio da mostra, cada unha destas seccións, formada por oito fotos, vai acompañada dunha explicación na que se desenvolve a importancia desa serie na obra de Rosalía, así como, en xeral, o nexo entre literatura e natureza. Completa a mostra un vídeo co recitado profesional dos versos de Rosalía e a proxección de imaxes da totalidade dos pregos do herbario.

Tras estar no campus de Ourense ata o 12 de abril, a exposición continuará o seu itinerario no campus de Pontevedra (do 16 ao 26 deste mes na Escola de Enxeñaría Forestal) e no de Vigo (do 30 de abril ao 10 de maio, no edificio Redeiras).

0.04649806022644