O Espazo + 60 Afundación acolle unha xornada sobre intelixencia artificial

OurenseXa
Será este mércores 14 de maio, a partir das 17.00 horas na Sede Afundación de Ourense
Imaxe recurso de tecnoloxía
14 May 2025

Co obxectivo de desmontar mitos, ampliar coñecementos e mostrar as utilidades da IA, o Espazo +60 Afundación de Ourense organizou, en colaboración co CIFP A Carballeira e a Policía nacional de Ourense, unha xornada sobre intelixencia artificial aplicada á vida cotiá. Desenvolverase de 17.00 a 18.30 horas na Sede Afundación de Ourense, con entrada libre e gratuíta ata completar capacidade.

O programa da xornada abordará unha introdución á intelixencia artificial, presentaranse tamén proxectos desenvolvidos por distintas entidades nos que xa está presente a IA e que están totalmente integrados na vida diaria, mostraranse exemplos prácticos con asistentes virtuais como Alexa ou Google Assistant ou realizaranse recomendacións personalizadas sobre o uso de ChatGPT. Tamén se abordará a aplicación da intelixencia artificial ao benestar e á mellora da accesibilidade.

A sesión tratará así mesmo distintos contidos relacionados coa ciberseguridade e recomendacións crave para unha navegación segura. A Policía Nacional de Ourense ofrecerá unha visión práctica e actualizada sobre os principais riscos e ameazas que poden atopar as persoas usuarias da internet, especialmente no contexto dixital actual no que a intelixencia artificial está cada vez máis presente nas nosas interaccións cotiás, abordando contidos como: estafas dixitais e fraudes comúns, phishing e suplantación de identidades e boas prácticas de seguridade, entre outros.

A iniciativa enmárcase na oferta de actividades da área de Envellecemento Activo de Afundación, a Obra Social de ABANCA, que permite a quen participa atopar nesta etapa vital novas oportunidades de crecer persoalmente, de seguir formándose, en contacto cos temas emerxentes e achegando activamente á sociedade, á vez que se goza de boa saúde.

Dentro desta estratexia, no Espazo+60 de Ourense impártense 10 horas semanais de formación en competencias dixitais, adaptada a cada dispositivo (móbiles, tablets, computadores…) e en función das competencias de cada persoa usuaria. Os contidos adáptanse ao ritmo de aprendizaxe de cada grupo e aos intereses das persoas participantes e abordan, por exemplo, a navegación segura pola rede, a xestión do correo electrónico, o acceso e uso de aplicacións útiles (saúde, transporte, Google Maps, WhatsApp…) ou a protección da privacidade en liña. Tamén se imparten obradoiros para manexar de forma segura a banca en liña e os caixeiros, en colaboración con ABANCA, e dous programas de fotografía con Smartphone.

⚙ Configurar cookies
0.15405702590942