O Espazo de Arte Roberto Verino acolle a mostra 'Paisaje y Geometría'

OurenseXa
A exposición do autor coruñés, Alejandro Mosquera, poderá visitarse ata o 29 de xuño no Espazo de Arte que o desecador ten na súa tenda da Rúa do Paseo de Ourense
roberto-verino-expo
O deseñador ourensán, Roberto Verino, xunto ao artista coruñés, Alejandro Mosquera, na inauguración da mostra 'Paisaje y Geometría'
7 Maio 2024

Coa presenza de Roberto Verino e do propio autor inaugurouse Paisaje y Geometría de Alejandro Mosquera, unha exposición que poderá visitarse ata o 29 de xuño no Espazo de Arte que o deseñador galego ten na súa tenda da Rúa do Paseo en Ourense.

Alejandro Mosquera é un pintor e arquitecto coruñés que combina ambas as disciplinas, utilizando a xeometría para representar a realidade que nos rodea. Estudou arquitectura na facultade da Coruña, e continuou a súa aprendizaxe en Polonia, Sevilla e Holanda. Desde ese momento foi combinando os dous oficios centrando o seu traballo nas artes plásticas. Desenvolveu unha marca persoal de xogos de mesa achegando xogos clásicos á cultura popular galega, poñendo en valor elementos propios do noso territorio. Esa forma lúdica de construír a realidade é a que utiliza na sua pintura, onde a xeometrización da paisaxe constrúe a obra coma se dun quebracabezas se tratara. Son referencias claras as vangardas figurativas do século XX, como o constructivismo e o cubismo. Tamén pintores galegos como Luis Seoane, Lugrís ou Manuel Pailós.

Na obra de Alejandro figura e fondo transfórmanse en pezas de texturas e cores variadas que o observador reconstrúe para descubrir as distintas escenas representadas. Estas realidades son concretas e materiais, contextualizadas nun lugar e un tempo determinado que o espectador recoñece, empatizando coa obra e participando dela. Son paisaxes concretas habitadas por figuras universais, con posturas e xestos existenciais que os dotan de dignidade.

Tras varias exposicións pola escena local coruñesa trae a súa obra a Ourense, con acrílicos de distinto formato, incluíndo unha peza que fai homenaxe ás termas dá Chavasqueira.

0.12936186790466