O festival de saberes ‘PEDRA’ chega esta fin de semana a Barbadás e Amoeiro

Este venres comeza unha nova edición de PEDRA, o festival de saberes, unha iniciativa que combina arqueoloxía, patrimonio música e actividades culturais ao longo de catro xornadas por distintos concellos ourensáns.
A programación comeza o venres 12 de setembro en Loiro (Barbadás) cunha visita guiada ás escavacións do Castro de Trelle ás 16:30 horas, seguida dun concerto comentado de músicas de raíz da Fundación Legar ás 19:00 e a actuación de Neonymus ás 20:30.
O sábado 13 a actividade continuará tamén en Loiro, con propostas pensadas para todos os públicos. Haberá xogos populares e obradoiros da Bela Auria desde o mediodía, concertos de artistas como Allo Negro, Lideira, Vimbio ou os DJs Dani Tamayo e Tristón, ademais dunha sesión de contacontos con Uxía Morán e unha parada do Regueifa Tour. A organización habilitará un servizo de autobús de balde con saída ás 11:00 horas do intercambiador das Lagoas e regreso ás 23:30 desde a Alameda de Ourense, ata cubrir prazas. Durante toda a xornada estará dispoñible unha foodtruck con propostas de cociña tex-mex e galega.
O festival trasladarase logo á Fundación Otero Pedrayo en Trasalba, onde o venres 19 actuará Anxo Moure a partir das 11:00 horas. O sábado 20, a programación inclúe a presentación dun facsímile da revista literaria A Bisbarra, unha intervención do ilustrador Cristian F. Caruncho, concertos de Cinta Adhesiva e Ulises, e unha sesión de arqueoastronomía desde o Pazo.
Con esta proposta, PEDRA ofrecerá catro días de cultura e convivencia arredor da música, a historia e o patrimonioen distintos espazos de Ourense.