O Festival Internacional de Xardíns de Allariz 2026 terá como lema “Os xardíns como espazos de liberdade”

OurenseXa
O prazo para a presentación de proxectos estará aberto ata o 30 de novembro de 2025
Inauguración do Festival Internacional de Xardíns de Allariz
Festival Internacional de Xardíns de Allariz
11 Sep 2025

O Concello de Allariz mantén aberta a convocatoria para participar na edición 2026 do Festival Internacional de Xardíns, que xirará arredor da temática “Os xardíns como espazos de liberdade”.

A organización explica que a liberdade será o eixo central desta edición, entendida en diferentes dimensións: a da natureza, a das persoas e a da sociedade. Os xardíns preséntanse así non só como espazos estéticos, senón tamén como lugares de encontro coa natureza, refuxios fronte ás restricións e símbolos de resistencia ecolóxica e social. Con esta proposta, o festival anima a deseñadores, arquitectos paisaxistas, artistas e creadoras de todo o mundo a presentar proxectos innovadores que reflexionen sobre como os xardíns poden converterse en escenarios de liberación e creatividade.

O prazo para a presentación de proxectos estará aberto ata o 30 de novembro de 2025, e as propostas deben enviarse ao enderezo electrónico festivaldexardins@allariz.gal. Toda a información e as bases completas están dispoñibles na web oficial www.festivaldexardins.allariz.gal.

O Festival Internacional de Xardíns de Allariz celebrouse por primeira vez en 2010 co obxectivo de ser un referente en creatividade paisaxística e innovación ambiental. Dende aquela, a vila convértese cada ano nun escenario vivo onde conviven arte, natureza e sustentabilidade, acollendo propostas chegadas de diferentes países. Ao longo da súa traxectoria, consolidouse como un acontecemento singular no panorama internacional, que combina creación, reflexión e participación cidadá, ao tempo que pon en valor o patrimonio natural e cultural de Allariz.

⚙ Configurar cookies
0.16632485389709