O Festival Internacional Rebulir presenta a súa décimo novena edición dedicada á muller rural
Esta mañá tivo lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense a presentación oficial da décimo novena edición do FIR, Festival Internacional Rebulir, que se celebra entre os días 18 e 22 de decembro. O evento reafirma o seu papel como un dos referentes culturais de Galicia, cunha programación que se desenvolverá no Concello de Ramirás como epicentro e con actividades tamén en Celanova e Ourense, resaltando sobre o mapa a nosa provincia.
Un dos momentos máis destacados do FIR será a entrega dos Premios Rebulir da Cultura Galega 2024, que recoñecen figuras e entidades de gran relevancia no panorama cultural galego. O acto terá lugar no transcurso de gala central do certame, prevista para as 19:00 horas do sábado 21 de decembro, no polideportivo de O Picouto, en Ramirás.
Nesta edición, os galardoados son: Treixadura, na categoría Música Galega, polos máis de 30 anos de traxectoria, difundindo, respectando e poñendo en valor a música de raíz galega; Isabel Risco, na categoría Artes Escénicas, distinguindo a súa dilatada carreira no mundo da interpretación, traballando con diversos públicos e rexistros; AGG - Asociación de Gaiteiros/as Galegos/as, na categoría Premio Homenaxe, pola súa labor na convervación, defensa e promoción da tradición galega como símbolo de identidade colectiva.
Ademais, realizarase un recoñecemento especial á comunidade emigrante galega en Cataluña, polo seu esforzo no mantemento e promoción da cultura galega no exterior.
Nesta edición, o festival conta cunha novidade destacada: máis agrupacións artísticas que nunca e a ampliación da programación con un día adicional de actividades e obradoiros, que comezaron durante a xornada de onte na sede da Universidade de Santiago de Compostela. No total, participarán 12 grupos artísticos, dos cales 6 actuarán na gala central o sábado, acadando os máis de 300 participantes.
A gala estará presentada por Lupe Blanco e Josinho da Teixeira, e contará coas actuacións de Rebulir (Galicia), como anfitrións do evento, Assoc. Escola Jogo Pau de Moita (Portugal), Leyendas de México e Mariachis V (México), Escontra’l Raigañu (Asturias), Academia Timorenses (Timor Leste) e Danses i Cançons Castalla (Comunidade Valenciana).
Aínda que non actuarán na gala central, outras 6 agrupacións artísticas participarán nas actividades do festival, promovendo o intercambio cultural e a diversidade.
Nesta XIX edición, o FIR estará dedicado á muller rural, poñendo en valor o seu papel fundamental como pilar social e cultural no medio rural. Esta temática estará presente ao longo de toda a programación, con paneis, obradoiros e actividades que destacarán a contribución feminina á preservación das tradicións e á dinamización das comunidades.
Ao acto de presentación deste Festival Internacional Rebulir acudiu a Directora Xeral de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita quen destacou “a posta en valor de Galicia como destino turístico grazas a iniciativas coma o FIR, sendo o turismo un dos piares da economía galega. Un turismo auténtico e sostible capaz de xerar experiencias únicas con elementos diferenciadores”. Asemade, subliñou que o Festival Internacional Rebulir pon en valor o territorio e amosa o mellor da nosa tradición”.
Pola súa banda, a alcaldesa do Concello de Ramirás, Isabel Gil, amosou o seu orgullo por ser liderar “un pobo orgulloso do que fai e de todo o que leva conseguido”. Nesta liña, agradeceu á Asociación Cultural Rebulir o traballo que levan feito durante os últimos 19 anos para sacar adiante “un proxecto que fai que o noso concello se expanda por Galicia como marca de identidade, música e baile para o desfrute de veciños e xente de fóra “.