O Festival Literario de Allariz regresa no mes de xullo

OurenseXa
O terceira edición do FLAZ terá lugar os días 5 e 6 de xullo e contará con autores como Antón Riveiro Coello, Carlos Meixide, Marta Orriols e Berta Dávila, e os axentes literarios Marina Penalva e Bernat Fiol
Presentación da terceira edición do FLAZ de Allariz
15 Jun 2024

O Festival Literario de Allariz volve este 2024 co obxectivo de consolidar un espazo de encontro entre a comunidade lectora e todas aquelas persoas que forman parte da cadea de valor do libro.

Os días 5 e 6 de xullo, o FLAZ  acollerá aos autores Antón Riveiro Coello, Carlos Meixide, Marta Orriols e Berta Dávila, e os axentes literarios Marina Penalva e Bernat Fiol.

O Festival Literario de Allariz (FLAZ), nacido en 2022, é un proxecto de acción para a promoción e o fomento da lectura, que reúne durante dúas xornadas figuras da narrativa peninsular, da man da libraría Aira das Letras e do Concello de Allariz. En 2023, a segunda edición do FLAZ contou ademais co apoio do Ministerio de Cultura a través da liña de axudas de promoción do libro e da lectura.

‘Memoria e historia na novela’, un diálogo entre Antón Riveiro Coello e Carlos Meixide, será o primeiro encontro deste terceiro FLAZ, na tarde do 5 de xullo na Sala de Exposicións A Fábrica de Allariz.

Antón Riveiro Coello (Xinzo de Limia, 1964) é un dos autores de máis prestixio da narrativa galega actual, con obra traducida a varias linguas. Entre os seus últimos libros premiados destacan Hotel Carioca, Premio Álvaro Cunqueiro, 2022, O paraiso dos inocentes, Premio Torrente Ballester 2019 e A ferida do vento, Premio Frei Martín Sarmiento 2016.

Pola súa banda, Carlos Meixide (Vilagarcía de Arousa, 1977) é xornalista e escritor; en 2005 lanza O home inédito, que foi a primeira novela galega publicada en Internet e autoedita os seus libros para público mozo e adulto desde 2015. Entre eles destaca a serie de ‘Os cinco de Ons’. En 2021, lanza xunto á escritora Berta Dávila, o selo editorial Rodolfo e Priscila, e en 2023 publica con Xerais a novela histórica Viva a Comuna. A súa novela Camiño de paixóns gañou o I Premio de Novela Camiño de Santiago no 2019.

‘Todo o que quixo saber sobre os axentes literarios e nunca se atreveu a preguntar’ é o título do diálogo entre Marina Penalva e Bernat Fiol, que terá lugar o sábado 6 de xullo ás 12 horas na Fábrica de Allariz.

Casanovas Lynch, con sede en Barcelona, é a axencia literaria na que Marina Penalva desenvolve a súa actividade profesional desde 2019. Trátase dunha axencia especializada en autores literarios de España e América Latina (Javier Marías, Juan Gabriel Vásquez, Manuel Jabois, Juan José Millás, Mariana Enriquez, entre outros), onde Penalva se encarga da xestión dos dereitos domésticos, de tradución e tamén audiovisuais dun grupo de autores (Andrea Abreu, Irene Solà, Irene Vallejo, Munir Hachemi, Gabi Martínez, Miguel Ángel Hernández, Karina Sainz Borgo ou Brais Lamela, entre outros). Casanovas Lynch conta cun catálogo de autoras e autores que ademais, destaca, por desprazar os eixos da literatura actual fóra da ponte Madrid-Barcelona.

No caso do mallorquín Bernat Fiol, tras traballar como axente a tempo completo na axencia literaria Antonia Kerrigan, fundou SalmaiaLit en 2008. É axente de autores de gran prestixio como Eider Rodríguez, Miquel Martín, Raül Garrigasait e Eva Baltasar, entre outros. Dez anos antes, en 1998, instalarase en Barcelona para estudar Filoloxía Inglesa e desde 2001 traballa no sector editorial. Ademais traballou como libreiro no centro cultural e libraría Espai Mallorca e colaborou esporadicamente cos departamentos de prensa dalgunhas editoriais.

Xa na tarde do sábado, haberá un encontro entre dúas autoras: Marta Orriols e Berta Dávila,  baixo o título ‘A vida cotiá como materia prima na literatura actual’.

Marta Orriols, que vive e traballa en Barcelona, debutou como escritora co libro de contos Anatomia de les distàncies curtes (2016), que, xunto coa novela Aprender a falar coas plantas (2018), Dolça introducció al caos (2020) e A posibilidade de chamarlle casa (2023) recibiron o aplauso do público e os eloxios da crítica. A súa obra está traducida a dezaseis idiomas.

A compostelá Berta Dávila recibiu dúas veces o Premio da Crítica Española en lingua galega, polo poemario Raíz da fenda (2013) e a pola novela Carrusel (2019), que tamén gañou o Premio Repsol de Narrativa Breve, que tamén gañara con O derradeiro libro de Emma Olsen (2013). Con Os seres queridos (Xerais, 2022), obtivo o Premio Xerais de Novela, o premio Follas Novas ao mellor libro de narrativa de 2022, e o premio da Crítica Galicia. Un elefante na sala de estar foi Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil no 2022. Algúns dos seus libros foron traducidos ao castelán, ao catalán, ao inglés e ao italiano. A súa última novela é A ferida imaxinaria (2024).

“Escribir e publicar non son a mesma cousa”. Así se titula a mesa redonda coa que a programación do FLAZ 2024 rematará o sábado, 6 de xullo, ás 19.30 horas, coa participación de todas as figuras convidadas: Antón Riveiro Coello, Carlos Meixide, Marina Penalva, Bernat Fiol, Marta Orriols e Berta Dávila. Conversas, sinaturas e visitas ao patrimonio da zona formarán parte desta fin de semana de festexo da lectura e do libro. Ademais do Concello de Allariz, o FLAZ conta co apoio de diferentes establecementos e empresas da contorna como Xeitura Patrimonio Sociedade Cooperativa, Fina Rei, os restaurantes Fio de Liño e Alarico, a libraría Maruxairas e Aira Editorial.

Edicións anteriores

Autoras e autores tan recoñecidos, premiados e con milleiros de lectores como Katixa Agirre, Diego Ameixeiras, José Ovejero, Emma Pedreira, Edurne Portela e Juan Tallón, participaron na primeira edición. O primeiro FLAZ reuniu a autores galegos e do resto da península, poñendo o foco na escrita en diferentes linguas e creando un espazo e un tempo de encuentro entre a comunidade lectora e os creadores. Desde Aira das Letras considérase o proxecto como unha extensión natural do labor das librarías e do seu compromiso cos autores, coa comunidade lectora e coa contorna local. Máis sentido tivo, se cabe, naquela primeira edición retomar o contacto directo entre autores e público tras a pandemia. O listón quedou alto e na segunda edición, en xullo de 2023, participaron Marta Sanz, Belén Gopegui, Javier Peña e Blanca Riestra. O FLAZ quere ser reflexo de toda a cadea de valor do libro e nesa segunda edición, ademais de autores, convidou a dous coñecidos editores en castelán e galego como son Constantino Bértolo e Moisés Barcia.

 

0.14802289009094