O Goberno central destina 2 millóns de euros para o proxecto de bioeconomía forestal de Nogueira de Ramuín

O proxecto desenvólvese de forma experimental nos soutos de Monte da Moura e busca recuperar os bosques de castiñeiros
recuperacion-sout-nogueira
4 Jul 2025

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, reafirmou hoxe a aposta do Goberno de España polos montes sostibles na provincia, xa que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico financia, a través da Fundación Biodiversidade, o proxecto de bioeconomía TRANBIOFOR-NR en Nogueira de Ramuín. Fíxoo durante unha visita ao Monte da Moura, onde se leva a cabo a iniciativa que forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Eladio Santos explicou que este é un proxecto innovador que se desenvolve de forma experimental no Monte da Moura para tratar de recuperar os bosques de castiñeiros identificando o xenotipo das árbores co fin de realizar novas plantacións de castiñeiros resistentes ás pragas e ás modificacións do clima. “Con este proxecto, o Goberno amosa unha vez máis a súa defensa do medio rural, pois apostar polo aproveitamento do monte é moi necesario”, indicou.

Ao respecto, o subdelegado do Goberno lembrou a importancia de desenvolver accións que permitan unha xestión de recursos no contexto de cambio climático e considerou que esta actuación será positiva para unha provincia que de forma recorrente é golpeada polos incendios forestais. “A reforestación con especies autóctonas é unha ferramenta estratéxica para previr lumes, xa que estas árbores están mellor adaptadas ao clima”, detallou.

Nestes momentos, o proxecto ten dous puntos de acción. Por unha banda, os enxertos extraídos dos castiñeiros medran de forma controlada no Centro de Investigación Forestal de Lourizán, onde se escollerán as especies máis resistentes. A finais deste ano, farán unha plantación de seis hectáreas. Por outra banda, profesionais contratados para o proxecto rozan as zonas do monte nas que hai máis castiñeiros. Podaron exemplares antigos que estaban secos e xa están brotando. Ata ese punto, camiñou o subdelegado do Goberno, quen defendeu que é unha actuación “moi valente”.

Nesta liña, Santos recoñeceu o traballo do Concello de Nogueira de Ramuín para materializar o proxecto, no que participan o Centro de Investigación Forestal de Lourizán e a Asociación de Mulleres Rurais Ecos de Moura. Tamén felicitou expresamente á coordinadora do proxecto, Natalia Táboas.

⚙ Configurar cookies
0.16146683692932