O Goberno municipal de Ourense prevé aprobar aa gratuidade dos autobuses urbanos a mediados de 2026

O goberno municipal de Ourense levará ao Pleno deste outono a proposta de ordenanza para implantar a gratuidade dos autobuses urbanos. O obxectivo , explican dende o executivo dee Pérez Jácome, é que a medida entre en vigor a mediados de 2026, coincidindo coa aprobación do novo orzamento municipal e coa entrada en funcionamento do contrato do servizo de transporte. O alcalde explicou na xunta de voceiros que percibe “boa disposición” por parte dos grupos políticos para que a proposta saia adiante.
Na mesma reunión, Pérez Jácome confirmou que o vindeiro martes 16 de setembro estrearase a nova rede de liñas urbanas. “Non se pode frear porque é unha mellora para a maioría”, sinalou, e engadiu que “o 95% da xente vai saír beneficiada con esta nova rede, daquela non podemos pospoñela máis”. Durante a primeira semana de funcionamento, entre o 16 e o 22 de setembro, o servizo será gratuíto.
Os voceiros tamén abordaron a modificación de crédito presentada polo executivo, que ascende a 25 millóns de euros destinados a once actuacións en ámbitos como infraestruturas, medio ambiente, limpeza, rehabilitación e planeamento urbano. O rexedor destacou a “boa predisposición” dos grupos ao respecto, lembrando que se trata de proxectos “de pouco posicionamento ideolóxico, como as ramplas mecánicas na Cuña e na Rampla de Sas ou as melloras de parques da cidade”. O goberno valora agora se presentar as actuacións para aprobación nun só lote ou en varios, atendendo ás propostas da oposición.