O grupo ourensán Castro Floxo representará a Galicia no Festival de Folclore de Ambato, en Ecuador

OurenseXa
Neste certame, que alcanza a súa 56ª edición, participarán delegacións procedentes de Polonia, Francia, Colombia, Perú e un amplo número de agrupacións locais, chegadas de diferentes rexións do Ecuador
castro-floxo-1
Agrupación Castro Floxo
25 Feb 2025

O grupo Castro Floxo da Escola Provincial de Danza da Deputación de Ourense participa no Festival de Folclore de Ambato, en Ecuador, atendendo así a invitación cursada no seu momento polo Comité Permanente de la “Fiesta de la Fruta y de las Flores”, entidade dependente da Municipalidad de Ambato, cidade situada ao sur de Quito, na provincia de Tungurahua.

Dentro das actividades programadas na 74º edición da “Fiesta de la Fruta y de las Flores”, declarada “Bien pertenenciente al Patrimonio Cultural Inmaterial del estado Ecuatoriano”, está incluído o 56º Festival Internacional de Folclore no que xunto co grupo ourensán, representante da cultura galega, participarán delegacións procedentes de Polonia, Francia, Colombia, Perú e un amplo número de agrupacións locais, chegadas de diferentes rexións do Ecuador.

O grupo Castro Floxo, que viaxará de mañá mércores 26 de febreiro até o 8 de marzo, realizará demostracións do noso folclore en diferentes eventos e espazos da cidade de Ambato, tanto individualmente como compartindo escenario cos outros grupos participantes. O festival inclúe desfiles, mostras de vestiario, conferencias e obradoiros de baile e música tradicional, así como recepcións protocolarias por parte das autoridades da cidade e patrocinadores, converténdose así nunha das manifestacións artísticas máis importantes da rexión andina e unha oportunidade para difundir a nosa tradicional galega e dar a coñecer a provincia de Ourense entre o pobo ecuatoriano e os miles de asistentes ao festival procedentes doutros países.

A “Fiesta de la Fruta y de las Flores” foi creada como resposta á situación física e psicolóxica en que quedou a cidade de Ambato e os seus veciños despois do terremoto que o 5 de agosto de 1949 destruíu a urbe e a periferia da provincia de Tungurahua, promovendo a organización de actividades de carácter agrícola, pecuaria e industrial, acompañadas con outras de tipo cultural e artísticas, sendo hoxe en día un importante atractivo turístico ao que acoden miles de visitantes tanto nacionais como estranxeiros.

⚙ Configurar cookies
0.50255298614502