O IES Blanco Amor de Ourense, referente no desenvolvemento de proxectos de Stembach

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, coñeceron este luns os proxectos desenvolvidos no Instituto IES Eduardo Blanco Amor de Ourense ao abeiro do Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMbach).
Os representantes da Xunta puxeron en valor a implicación dos docentes neste programa e a calidade dos proxectos. Neste sentido, explicaron que algúns deles obtiveron o recoñecemento da Consellería de Educación, así como o Premio Stephen Hawking de investigación, que outorga o IES Rosalía de Castro de Santiago.
Así mesmo, destacaron a utilidade deste programa para vencellar aos estudantes de Bacharelato coa Universidade dado que os proxectos de investigación que os alumnos realizan son co-dirixidos por docentes de departamentos universitarios ou entidades de investigación. De feito, os estudantes deste Bacharelato poden obter créditos ECTS universitarios pola súa participación neste programa grazas á iniciativa da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para potencialo.
Proxectos xa recoñecidos
A directora xeral e o delegado territorial coñeceron de primeira man proxectos do pasado curso como Tipos de redes neuronais: fundamentos teóricos e aplicacións, que se centra no uso da intelixencia artificial na resolución de problemas como, por exemplo, a identificación de números manuscritos, ou as predicións de variación de valores en bolsa baseándose na recollida de datos. Tamén se interesaron polo traballo Demostración e descubrimento automático de teoremas xeométricos mediante bases de Gröbner, que emprega unha variación alxébrica e xeométrica que pode usarse para estudar o comportamento de dinámica de sistemas. O centro ensaiouno con éxito para predicir variables de comportamento dun sistema de regulación xenético de bacterias.
Pola súa banda, Investigando novos tratamentos para o cancro coa química computacional emprega unha simulación computacional para observar sistemas biolóxicos, en concreto o comportamento dunhas proteínas que poden ter propiedades anticancerosas fronte á forma que teñen as células malignas para defenderse da súa actuación.
Novas iniciativas deste curso
Neste curso estanse a desenvolver outros catro proxectos de investigación ao abeiro de STEMbach no IES Eduardo Blanco Amor. O primeiro é Detección de incendios forestais por medio de UAV e visión artificial: proba de concepto baseado nun drone tello, que ten como obxectivo deseñar un dron que poida facer o seguimento dos bordes dun incendio para poder perimetralo con menor risco, mentres que o segundo, Control de orientación de paneis solares, consiste no deseño dun sistema que permita a orientación dun satélite de forma que funcione como un xirasol e capte a maior cantidade de enerxía.
”She is a most charming young lady, indeed”, adxectivos e linguaxe feminina/feminizada en Jane Austen e as irmás Brontë estuda o corpus de referencia para ver o uso de diversas expresións inglesas nas devanditas autoras, e Os cuaternios é un estudo deste tipo de números, moi particulares dentro dos números reais, que teñen aplicacións no electromagnetismo e na mecánica cuántica.