O IES Julio Prieto Nespereira acolleu a entrega do XX Premio Pura e Dora Vázquez de Narración e Ilustración

O presidente provincial, Luis Menor, entregou na tarde deste luns os galardóns do Premio Pura e Dora Vázquez de Narración e Ilustración Infantil e Xuvenil, poñendo en valor as “vinte edicións que acada un premio senlleiro” e a aposta pola cultura que “vai no ADN da Deputación”. De feito, Menor puxo en valor o que debería ser un dos obxectivos das institucións: “recobrar a nosa actividade cultural”, logo sobre todo do parón obrigado pola pandemia. Luis Menor estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, o vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, e representantes de todos os partidos con presenza na Corporación provincial.
Antonio Yáñez, que se presentou coa obra “Azul Cobalto”, recolleu o premio na modalidade de narración; mentres que Antonio Yáñez, coa obra “Viaxe polos soños”, recibiu o galardón na categoría de ilustración.
O IES Julio Prieto Nespereira foi a sede elixida para a entrega do premio, co obxectivo de seguir poñendo en valor os centros educativos. Neste sentido, Menor fixo referencia ao “verdadeiro xurado” do premio, que son “as novas xeracións, o público das obras gañadoras”, polo que a Deputación “seguirá apostando por fomentar a lectura”.
O presidente provincial recalcou que “desde a Deputación esperamos seguir fomentando a lectura con premios coma este, seguir formando ás novas xeracións en valores como o traballo en equipo, a amizade ou a procura dos soños, temáticas nas obras gañadoras”.
Acta do xurado da modalidade de narración
O xurado destaca de “Azul cobalto” que vai dirixida a un público xuvenil, “sendo unha obra moi orixinal cunha temática rompedora. Que é doada de ler e engancha moito. Ten unha linguaxe e un estilo moi coidados. Destaca valores como o traballo en equipo e a perseveranza. Enxalza o poder dos soños como memoria e destaca a importancia da lectura para poder entender as cousas”.
O xurado, que sinala a calidade de todas as obras presentadas, estivo composto por un representante de cada un dos grupos políticos da Deputación de Ourense: David Canda Castro representando ao grupo PP; David Manuel Alvarado Roales representando ao grupo PSOE; Xosé Antón Dorrío Vázquez representando ao grupo DO, e Isabel Mociño González representando ao grupo BNG, actuando como presidente César Fernández Gil, deputado de Cultura da Deputación provincial e como secretaria Ana M.ª Malingre Rodríguez, xefa de sección de Arquivo e Publicacións da Deputación de Ourense.
Antonio Yáñez Casal naceu en Ferrol en 1959. Ten publicadas as seguintes obras: Don Cosme e o telegrama amarelo (Casals, 2004), finalista do Premio Raíña Lupa 2000; Crisóstomo o alifáfaro (Galaxia, 2006), finalista do Premio Raíña Lupa 2004; Natasha e Dimitri (Xerais, 2006), finalista do Premio Merlín 2005; Lóbez (Baía edicións, 2006), Premio Meiga Moira 2006; Viaxe a Libunca (Galaxia, 2007), Premio Raíña Lupa 2006; Octavius Augustus (Difusora de letras, artes e ideas, 2009), Premio Abrente 2007; Xoa (Xerais, 2010), finalista do Premio Merlín 2009 e Premio Frei Martín Sarmiento, 2ª categoría, 2012; Vento Galerno (Xerais, 2012), finalista do Premio Fundación Caixa Galicia 2011; A complicada vida de Bieito Viqueira (Tambre, 2012); O detective de Nullarbor (XermeSM, 2015), Premio O Barco de Vapor 2013; Do meu nome e outras trapalladas (Deputación de Ourense, 2017), Premio Pura e Dora Vázquez de Narración 2016; Icía e o diplodoco caguiñas (Tambre, 2018).
Acta do xurado na modalidade de ilustración
Por outro lado, no fallo da obra de ilustración, o xurado destaca a importancia do traballo presentado por Fernando Díaz, por ser unha obra realizada de xeito manual a lapis, “que capta moi ben os feitos da narración”. Valoran que as ilustracións “teñen moi bos enfoques, con xogos e perspectivas diferentes, e complementan a narración sen interferir nela, o que favorece que o lector poida imaxinar a historia libremente”.
O xurado estivo presidido polo vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández; actuando como secretaria Ana Malingre e como vogais David Canda, Xosé Antón Dorrío, Isabel Mociño e David Manuel Alvarado.
Fernando Díaz Mirón (Sevilla, 1976), é licenciado en Belas Artes pola Universidade hispalense, na especialidade de pintura. Completou a súa formación co curso profesional de "creación de produtos multimedia", organizado pola Confederación de Empresarios de Andalucía, e que inclúe a presentación dun proxecto nun seminario na Universidade Pompeu Fabra de Barcelona.
Díaz Mirón ten participado en numerosos certames de pintura e expón as súas obras en mostras colectivas. Entre outros proxectos, participa en “A viaxe dos barballocas”, unha iniciativa editorial colectiva con outros artistas.
Combina a súa actividade artística coa súa actividade profesional como docente de Secundaria no IES Aquis Querquernis de Bande.