O IES O Couto acolle unha proba piloto para a futura aplicación das probas de diagnóstico en liña da LOMLOE

OurenseXa
O obxectivo do Goberno Galego é que a partir do próximo curso as probas se poidan realizar en liña nos centros educativos de toda Galicia
pruebas-lomloe-ies-o-couto
Probas de aviación no IES O Couto
26 Feb 2025

A Xunta de Galicia vén de fixar para os días 28, 29 e 30 de abril as probas de avaliación de diagnóstico que se aplicarán en toda España para para 4º de Primaria e 2º de ESO, tal e como fixa o Ministerio de Educación a través da actual lei educativa LOMLOE.

Así o avanzou esta mañá a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, nunha visita ao Instituto IES O Couto, en Ourense, onde a Consellería de Educación está levando a cabo unha pilotaxe en liña destas probas co fin de poder aplicalas deste xeito no vindeiro ano 2026. Segundo explicou a representante da Consellería, este ano as probas vanse desenvolver de igual xeito que en 2024.

Non obstante, Educación está testando unha fórmula para que a partir do próximo curso estas probas se poidan realizar en liña, o que suporá un aforro de traballo para os profesores e equipos directivos dos centros escolares. Esta pilotaxe dixital, que non ten ningunha validez no que atinxe aos resultados, estase levando a cabo en 102 institutos das provincias de Lugo e de Ourense, como é o caso do IES O Couto, “onde está discorrendo con normalidade”, segundo subliñou Judith Fernández.

De feito, para aproveitar a experiencia previa tanto de alumnado como de profesores, a pilotaxe estase aplicando a alumnos de 3º de ESO que o ano pasado fixeron a proba real cando estaban en 2º de ESO. O obxectivo desta proposta é recoller a máxima información e o coñecemento necesario para, de cara ao curso 2025-26, ofrecer aos centros educativos unha proposta de avaliación de diagnóstico dixital en liña, o que “contribuirá a reducir o traballo administrativo nos centros e a simplificar os labores do profesorado durante a aplicación e corrección das probas”, sinalou a directora xeral.

Ampliación das competencias avaliadas
No que respecta ás probas que se aplicarán este ano, serán en papel e continuarán coas mesmas pautas que as desenvolvidas o ano pasado. Non obstante, desde a Consellería de Educación, seguindo as indicacións do Ministerio, amplía as áreas de competencias avaliadas.

Así pois, no que atinxe a 4º de Educación Primaria, ademais das competencias matemáticas e en comunicación lingüística en Lingua galega e literatura, en Lingua castelá e literatura e en Lingua estranxeira (que pode ser alemán, francés, inglés ou portugués, en función da lingua de escolla en cada centro), engádense desta vez as competencias das áreas de Ciencias Sociais e Ciencias Naturais.

No caso de 2º de ESO avaliaranse as competencias Matemáticas, en comunicación lingüística en Lingua galega e literatura, en Lingua castelá e literatura e en Lingua estranxeira, e como novidade inclúense os obxectivos das materias de Xeografía e Historia, Física e Química e Bioloxía e Xeoloxía.

Judith Fernández recalcou que as probas teñen un carácter informativo, formativo e orientador para os centros, que recibirán un informe de resultados sobre o conxunto do seu alumnado por nivel e por competencia avaliada. Non é, por tanto, unha avaliación de alumno, polo que non haberá datos nin cualificacións individuais. A información obtida ten unha finalidade estritamente diagnóstica, xa que os datos obtidos proporcionan unha información complementaria tanto aos centros como á Administración para deseñar accións específicas de mellora do sistema educativo.

Ao igual que o pasado curso, haberá un cuestionario de contexto para os titores, a dirección do centro, o alumnado e as familias, aínda que desta vez será en formato dixital.

⚙ Configurar cookies
0.54146909713745