O Laboratorio Ourense Renova pechou a sua primeira edición con máis de 100 participantes

OurenseXa
Entre as principais propostas destacan crear un equipo de educadores ambientais, fomentar o “agrocompostaxe colaborativo” e implantar taxas de pago por xeración
laboratorio_ourense_renova
I Laboratorio Ourense Renova
5 Abr 2024

A Deputación de Ourense desenvolveu con notable éxito o I Laboratorio de Innovación aberta en xestión de residuos, “Ourense Renova”, no centro Cultural Marcos  Valcárcel. Os pasados días 1 e 2 de abril participaron nesta novidosa iniciativa colaborativa máis de 100 persoas de diferentes perfís, entre os que se atopaban técnicos, representantes políticos e axentes do sector económico, educativo ou social.

A Deputación, que puxo en marcha esta actividade en colaboración coa consultora SustainableStartup&Co, tiña por obxectivo principal abordar os desafíos relacionados coa xestión dos residuos municipais nos municipios rurais da nosa provincia.

Na sesión do 1 de abril recompiláronse todos e cada un dos retos detectados na sociedade e nas administracións, e que están relacionados co gran reto formulado no pre-laboratorio organizado pola Deputación: “Reducir, separar e recoller de maneira máis eficiente os residuos na provincia de Ourense para evitar custos innecesarios”.

Os retos que se recolleron entre todos os participantes abranguen os seguintes ámbitos: educación ambiental; transparencia do servizo prestado; consenso técnico-político; a prestación do servizo a unha poboación envellecida e cunha elevada dispersión; o control e inspección ambiental; economía circular e xestión do residuo orgánico en orixe; dixitalización e novas tecnoloxías aplicadas á infraestrutura do servizo; aplicación de taxas que recollan o pago por xeración; e inversión para a aplicación das melloras.

Estes retos serviron de guía para que, no segundo día do Laboratorio, se realizasen novas mesas de traballo na busca de diferentes solucións, consensuadas e pactadas entre todos os asistentes as xornadas. Así, entre as solucións aportadas xurdiron propostas como a creación dun equipo de educadores ambientais provinciais; a necesidade de aprobar unha taxa máis xusta que repercuta o “pago por xeración”; a agrupación, reorganización e dixitalización de contedores; a creación de canles de comunicación e transparencia sobre os custos do servizo aos cidadáns; e a promoción de iniciativas de colaboración de agrocompostaxe, entre outras.

Todas as ideas deseñadas neste laboratorio recolleranse nun documento que pretende trasladar á gobernanza unha visión global da problemática actual dos residuos, dende diferentes puntos de vista. Á súa vez ten a intención de servir de guía para elaborar liñas estratéxicas de actuación que poidan culminar en diferentes políticas de goberno para a institución provincial ou reforzar aquelas nas que xa ven traballando a Deputación.

0.17446398735046