O Museo da Emigración a Guinea Ecuatorial de Quintela de Leirado: un espazo para recuperar a historia e a memoria colectiva

En Quintela de Leirado, como en moitos puntos de Galicia, as décadas dos anos 40 e 50 estiveron marcadas pola emigración. “A Guerra Civil —explica Pablo Pérez, director do Museo da Emigración a Guinea Ecuatorial— deixou unha profunda crise económica, e despois veu a Segunda Guerra Mundial. Para moita xente, marchar era a única opción para ter unha vida mellor”.
A diferenza doutras zonas de Galicia, aquí o destino maioritario non foi América, senón Guinea Ecuatorial. A historia comezou en 1896, cando un veciño da Mourisca saíu coa idea de emigrar ao Brasil pero acabou en Fernando Pó. “Escribiu cartas a familiares e amigos animándoos a ir. Dicía que se vivía ben, que había traballo e boas condicións. Así empezou todo”, conta Pérez.
Viaxar ata Guinea non era doado. “O traxecto podía durar un mes, combinando camiñar, carro, coche, autobús, tren, barco e, máis tarde, avión”, lembra. Unha vez alí, os veciños de Quintela de Leirado atopaban unha realidade distinta. “Era territorio español, pero era outro mundo: clima tropical, salarios que podían ser oito ou nove veces máis altos ca aquí, e postos sempre de responsabilidade. O máis baixo era encargado dunha plantación”, explica o director do museo. A maioría traballaba no cacao e no café, aínda que tamén houbo quen se dedicou á madeira, á construción, ao comercio ou á administración.
Os anos 60 foron a etapa de maior prosperidade. “Moitas familias ían enteiras, porque a vida mellorara moito e había tempo de lecer: cine, casinos, bailes… era impensable aquí naquela época”, sinala Pérez.
Todo mudou en 1968 e 1969 co proceso de independencia. “O 4 de abril de 1969 os últimos emigrantes chegaban a Barajas. Moitos tiveron que saír co posto, deixando todo atrás: propiedades, amizades, recordos e mesmo familiares enterrados alí”, relata. O regreso tampouco foi sinxelo. “No rural seguía habendo poucas oportunidades. Algúns puxeron negocios cos aforros, pero para moitos, a emigración volveu ser a única saída”, di.
O Museo da Emigración, inaugurado en Quintela de Leirado, naceu para conservar esta memoria. “Aquí o 80% da poboación tivo familiares en Guinea. Recollemos máis de cinco mil fotos e testemuños orais que contan como era a vida alí: desde a viaxe ata o traballo, o tempo libre ou o proceso de independencia”, explica.
A idea de crealo, di, naceu de lembranzas de infancia. “Desde pequeno era habitual escoitar nomes como Fernando Pó. Non só na miña casa, senón tamén nos bares e nas conversas dos veciños. Na miña familia tiñamos un bar, e alí contábanse historias que, co tempo, fun valorando como un pequeno tesouro colectivo”.
O museo, único en Europa dedicado a este fenómeno migratorio, tamén recolle elementos singulares como o “pichinglis”, a lingua franca que se usaba nas plantacións. “Temos un dicionario e gravacións de veciños falándoo. É unha historia única e non podía quedar esquecida”, di.
O museo foi posible grazas á implicación do pobo, así como ao apoio da Deputación e do Concello. “Naceu como unha iniciativa miña, pero só foi posible grazas ao apoio da Deputación e do Concello, e á implicación de moitos veciños que cederon fotografías, obxectos e lembranzas. Para min é un orgullo ter contribuído a preservar esta parte tan singular da nosa historia. Recollemos centos de testemuños orais e máis de cinco mil fotografías, das que seleccionamos unha parte para a exposición”.
“Cando fun consciente da súa importancia —engade—, e dado que naquela época estaba na Deputación, decidín aproveitar a posibilidade de facer algo para conservala”.
Así, grazas á implicación da veciñanza, o museo abriu as súas portas no ano 2021 como un espazo para preservar a memoria colectiva do lugar.