O Museo da Gaita de Fole consolídase como referente cultural en Barbadás

OurenseXa
O espazo foi reaberto no 2014, logo de que estivera pechado durante o tempo que fora transferido á Deptuación de Ourense
museo-da-gaita-de-fole-barbadas
Acto no Museo da Gaita de Fole
26 Jan 2025

O Museo da Gaita de Fole consolidouse durante o ano 2024 como un referente cultural e turístico nen Barbadás, promovendo a música tradicional e a preservación das tradicións locais. Este espazo foi reaberto no 2014, logo de que estivera pechado durante o tempo que fora transferido á Deptuación de Ourense. Una vez devolta a titularidade ao Concello, no 2024, non deixou de despertar interés. Así, no último ano rexistrou 47 visitas, das cales 38 procedían de distintas localidades de Galicia e 9 doutras comunidades autónomas como Madrid, Euskadi ou Catalunya.

Este incremento de chegadas reflicte o seu crecente impacto como destino cultural. Nestas visitas faise una visita guiada polas instalacións do museo explicando a historia da gaita e salientando curiosidades. A actividade remata ensinando unhas nocións básicas de ritmos galegos e, se os visitantes saben tocar, interprétanse uns temas en conxunto.

Ademais, ao longo do ano, o museo destacou pola súa intensa programación, que inclúe actividades pensadas para todos os públicos. Coincidindo co Entroido, organizáronse obradoiros que fomentaron a participación familiar na creación de “mecos” a partir de materiais reciclados, así como na elaboración de gorros tradicionais dos Labardeiros de Mugares. Ademais, o evento “Mascaradas Ancestrais” fixo das Señoritas e Labardeiros de Mugares os protagonistas dun desfile que percorreu as rúas de Barbadás e culminou no propio museo cunha actuación de música tradicional a cargo de grupos locais como “As Lambisqueiras de Barbadás”.

A programación anual completouse con iniciativas como un obradoiro para a creación dun Maio con motivos musicais, que levou aos máis pequenos a participar nun concurso organizado polo Concello de Ourense, ou talleres de elaboración de instrumentos musicais e doces de Nadal utilizando materiais reciclados. Estas actividades destacaron pola súa creatividade e polo fomento da conexión interxeracional en torno á cultura local.

O Museo da Gaita de Fole, ademais do seu papel como espazo expositivo dedicado á historia e á construción deste instrumento emblemático, consolídase como un lugar dinámico onde tradición e innovación cultural se unen para manter viva a identidade de Barbadás. A tranquilidade e beleza natural do municipio, complementada por paraxes como “Os Piscos” ou “O penedo do Tangaraño”, segue atraendo visitantes á procura de experiencias únicas que combinen cultura, natureza e tradición.

O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, José Manuel Morgade, enfatiza en que o caso do Museo da Gaita de Fole é un exemplo de que “o Concello de Barbadás está comprometido coa promoción dun turismo sostible e familiar, poñendo en valor o seu rico patrimonio cultural e natural como elementos clave para o desenvolvemento socioeconómico do territorio”.

0.10967087745667