O novo centro de Excelencia en Ciberseguridade de Ourense contará cun investimento de 6 millóns de euros
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitaron as obras do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Ourense, que se presenta como unha oportunidade para formar parte da construción dun futuro cunhas tecnoloxías seguras ao servizo das persoas.
Durante a visita, Miguel Corgos resaltou que este centro acollerá os sistemas de monitorización e xestión da ciberseguridade na Comunidade, en coordinación co Centro Criptolóxico Nacional e co Instituto Nacional de Ciberseguridade. Ademais de coordinar unha boa parte da actividade de formación e adestramento, polo que contará con espazos adaptados para que se poidan impartir todo tipo de cursos e prácticas.
Así mesmo, recordou que a nova infraestrutura contará cun espazo para a instalación de empresas e emprendedores, que poderán aproveitar as vantaxes desta concentración de coñecementos e recursos. E centralizará, tamén, parte da actividade do Nodo Galego de Ciberseguridade, formado por máis de medio cento de institución e empresas que colaboran e intercambian información sobre seguridade nos sistemas de información e comunicacións.
“Que Ourense sexa a capital galega de ciberseguridade implica que aquí se concentrarán os recursos á disposición da Xunta, dos concellos e deputacións, das universidades, dos centros tecnolóxicos e de innovación e do sector privado que presta estes servizos”, explicou, incidindo en que este novo edificio pon de manifesto que a Comunidade está a afronta a transformación dixital cunha visión estratéxica.
Crear unhas tecnoloxías adaptadas ao territorio, á sociedade e á economía
Sobre este punto, recordou que a Estratexia Galicia Dixital 2030 aposta por crear e desenvolver unhas tecnoloxías adaptadas “ás nosas necesidades, ao noso territorio, á nosa sociedade e á nosa economía”.
Con este obxectivo, o conselleiro de Facenda e Administración Pública fixo fincapé na importancia dunha distribución de responsabilidades, que aproveite as potencialidades de cada territorio. Así, hoxe, a Vigo identifícase coas telecomunicacións; á Coruña coa intelixencia artificial; a Lugo, coas tecnoloxías de naves non tripuladas; a Ourense coa ciberseguridade; e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, desde a Cidade da Cultura en Santiago, asume o papel da coordinación estratéxica.
Miguel Corgos concluíu recordando que a tecnoloxía é a oportunidade definitiva para igualar a calidade de vida e o benestar entre os ámbitos rurais e urbanos, achegando os servizos da Administración, mellorando a atención sanitaria, facilitando a educación ou modernizando a agricultura e a gandaría. “E, neste novo entorno caracterizado polos intercambios de información, a seguridade debe ser garantida”, dixo, subliñando que as Administracións públicas deben asumir a responsabilidade de garantir que a cidadanía se poida beneficiar destas novas ferramentas para o benestar dunha forma segura.
Na visita, tamén estiveron a alcaldesa de San Cibrao das Viñas, Marta Novoa, e o director de Amtega, Julián Cerviño Iglesia, entre outros.
Pola súa parte, Martínez Allegue destacou que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través dunha encomenda, está a executar estas obras, que veñen de comezar este mes e suporán un investimento de 6 millóns de euros.
Detallou que a Xunta prevé finalizar no primeiro trimestre de 2026 a construción deste Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia.
Remarcou que a Axencia Galega de Infraestruturas está a poñer todos os coñecemos técnicos e a experiencia na execución desta actuación para acadar un edificio preparado, con espazos adaptados aos obxectivos e ás funcionalidades que se pretenden.
Ademais, subliñou que se levantará na parcela 3E de Tecnópole, que conta con algo máis de 3.000 m², o edificio do Centro de Ciberseguridade, con máis de 2.000 m² de superficie construída.
Apuntou que a construción destas instalacións se completará coa habilitación dunha área para o estacionamento con arredor de 40 prazas de aparcadoiro.