O Ourense Film Festival reforza a aposta polo audiovisual galego

OurenseXa
O OUFF arrancará o vindeiro venres cunha gala inaugural na que se estrea Adolfo Domínguez: 'El eco de otras voces', documental sobre o deseñador galego dirixido pola súa filla Adriana Domínguez
Presentación do Ourense Film Festival (OUFF) 2024
Presentación do Ourense Film Festival (OUFF) 2024
24 Sep 2024

O Ourense Film Festival anuncioueste luns a programación completa da súa 29ª edición, que se desenvolverá do 27 de setembro ao 6 de outubro en diferentes escenarios da cidade para ofrecer a proxección de 60 películas e numerosas actividades paralelas.

O OUFF arrancará o vindeiro venres cunha gala inaugural na que se estrea Adolfo Domínguez: El eco de otras voces, documental sobre o deseñador galego dirixido pola súa filla Adriana Domínguez. Esta será unha das películas da sección Panorama Galicia, dentro da que tamén poderán verse Paisaje épico, de Valeria Roig; Salvaxe, Salvaxe, de Emilio Fonseca; Aurora, de Area Erina; Abrente, do ermo á rebeldía, de Xan Leira; Mes amis espagnols, de Adien Bordone; Buscando a Santa Compaña, de Fernando Cortizo; Los ojos de Europa, de Juan Pinzás; Hybris, de David Rubira, e Vestida de branco, de Juan Carlos Blanco.

A programación de filmes a concurso, dentro da que se inclúe tamén a Sección Oficial Internacional, complétase con especiais como Ciclo Inédito: Mulleres, Cinema e auga e Ouffemérides, que este ano lle rende homenaxe ao director Carlos Velo coa estrea dunha versión restaurada de Raíces, de 1954, e a lembranza da rodaxe en Ourense de Monsingnor Quixote en 1987.

Ademais, esta 29ª edición, recoñece con diferentes premios honoríficos a traxectoria de profesionais como o guionista e produtor Alejandro Hernández, Calpurnia de Honra Internacional; o director Rodrigo Cortés, Calpurnia de Honra; a deseñadora de vestiario e directora Clara Bilbao, Premio Especial OUFF; a produtora Andrea Vázquez, Premio Chano Piñeiro; o guionista Carlos Montero, Premio Especial Ourense, e a actiz Aurora Maestre, Premio Fundación AISGE.

Entre as actividades paralelas, destacan así mesmo diferentes encontros profesionais, roteiros pola provincia para coñecer lugares onde se rodaron coñecidos filmes, encontros literarios, os certames Fas Muvis, Fas Curtas e Game Awards, e o concerto da Xove Orquestra Ourensanía, que interpretará temas da banda sonora de Star Wars.

Rodaxes e preparación de novos proxectos

Desde a Xunta de Galicia poñen en valor a selección deste ano, que "dá conta da vitalidade do sector en Galicia, que nestes últimos meses acolle a rodaxe de seis películas e series cofinanciadas pola Xunta", ao tempo que se preparan 21 novos títulos subvencionados con 3 millóns de euros a través da convocatoria anual para a produción e/ou coprodución de proxectos de cine e televisión. "Trátase da liña de axudas con maior dotación das nove que destinamos en 2024 ao audiovisual galego e que suman un investimento de preto de 6,7 millóns de euros nas distintas fases que van desde o inicio do proceso creativo á chegada ás pantallas, pasando pola rodaxe, difusión ou comercialización", sinalou

Fixo tamén referencia ao papel que xogan os festivais como primeiro escaparate para o encontro da produción galega co público. De aí que, ademais do OUFF, outras 10 mostras audiovisuais conten con achega económica da Xunta a través da convocatoria de subvencións, dotada este ano con 300.000 euros, un 33% máis que en 2023.

0.16963410377502