O persoal de Hispamoldes mobilizarase contra o desmantelamento da empresa ourensá

A CIG e UGT convocan protestas este mércores 29 diante das instalacións da compañía de automoción e na entrada do Parque Tecnolóxico
Parque Tecnolóxico de Galicia, San Cibrao das Viñas
29 Maio 2024

O cadro de persoal da empresa da automoción ourensá Hispamoldes desenvolverá mobilizacións este mércores 29 de maio para rexeitar o progresivo desmantelamento da empresa por parte dos fondos de investimento Sapa Group e Quarza.

As protestas, convocadas pola CIG-Industria de Ourense e pola UGT, terán lugar de 12:30 a 13:45 horas diante das instalacións do Grupo Indea Auriense e de 14:00 a 16:00 horas na entrada do Parque Tecnolóxico de Galiza, en San Cibrao das Viñas.

Os problemas na compañía do sector da automoción comezaron coa adquisición do Grupo Hispamoldes (Hispamoldes, Hispaplasti, Plásticos de Palencia, entre outras) por parte destes fondos de investimento co obxectivo de crear “un provedor de referencia na industria europea da mobilidade sostíbel”, que bautizaron como Grupo Indea.

Dende a central sindical advirten que a nova propiedade “está a deixar morrer a empresa e non aposta por Ourense” e denuncian que hai pouco “rematamos un ERTE que a empresa aplicou sen acordo”.

Diante disto, decidiuse iniciar mobilizacións para rexeitar o desmantelamento da compañía, os ERTE indiscriminados na automoción e a situación de precariedade e explotación laboral que padecen os cadros de persoal do sector.

0.16436290740967