O persoal de Ilunion mobilízase contra os despidos

OurenseXa
A CIG-Industria convoca unha concentración en Vigo este martes 23 de 11:00 a 12:30 horas na que participarán tamén traballadores e traballadoras de Ourense
protestas_ilunion_ourense
Traballadores de Ilunion maniféstante contra os despidos en Ourense
23 Abr 2024

A federación de Industria da CIG vén de anunciar a convocatoria dunha nova mobilización diante da sede da ONCE en Vigo para rexeitar os despidos e a represión sindical e laboral en Ilunion, centro especial de emprego que traballa nas principais empresas do sector da automoción.

A concentración, que terá lugar este martes 23 de abril de 11:00 a 12:30 horas, fai parte da compaña de protestas e de axitación na rúa que está a desenvolver a central sindical para denunciar a política de persoal de Ilunion, que insiste en impoñer sancións á representación sindical por reclamar dereitos e continúa a explotar laboralmente a persoas con discapacidade.

A empresa despediu en Ourense 7 persoas estando de baixa e en Vigo sancionou 6 representantes sindicais da CIG

Neste senso, dende a CIG-Industria lembran que o centro especial de emprego despediu a 7 traballadores/as en Ourense cando se atopaban de baixa médica, nun intento de desmantelar a estrutura da empresa na cidade.

No caso de Vigo até seis dos 11 representantes da CIG na empresa foron sancionados como consecuencia da súa acción sindical. “Entre o último semestre de 2023 e o que vai de 2024 foron sancionados catro delegados, dous deles con faltas graves e outros dous con faltas moi graves, ao que tamén hai que engadir outras catro advertencias de sanción con acusacións falsas neste último mes”.

A central sindical sitúa o que está a acontecer no marco dunha política de amedrentamento por reivindicar dereitos e denunciar unhas condicións de traballo lamentables, o abuso da contratación a través de ETT, as xornada abusivas e a falta de seguridade no traballo. “Unha campaña interna de persecución á CIG que coincide co favorecemento a outra organización sindical próxima á dirección da empresa”, censuran.

Mais a persecución e o acoso non só se limita aos delegados, senón que as propias persoas traballadoras “tamén padecen esta situación cando algúns encargados lles insisten en que se queren renovar o contrato ou que as fagan indefinidas teñen que afiliarse á UGT, co claro propósito de que nas vindeiras eleccións sindicais (que se celebran dentro de ano e medio) saia elixido o sindicato da empresa”.

0.20141386985779