O PP de Ourense instará ao Goberno de España a investir máis recursos nos xulgados de paz

OurenseXa
Salientan a importancia da función dos xulgados de paz e advirten das “enormes trabas burocráticas” que están a padecer
pp-ourense-mocion-xulgados-de-paz
21 May 2025

O Grupo Provincial do Partido Popular defenderá unha moción no vindeiro pleno da Deputación na que instará ao Goberno de España a recoñecer, preservar e dotar orzamentariamente os xulgados de paz.

Así o anunciou hoxe en rolda de prensa a voceira dos populares, Patricia Torres, acompañada polos alcaldes de Castrelo de Miño e Toén, Avelino Pazos e Ricardo González, respectivamente. Todos eles, desde a súa experiencia como rexedores en municipios pequenos, explicaron a importancia da función dos xulgados de paz e as “enormes trabas burocráticas” que están a padecer, así como a “escasa formación presencial e remuneración que perciben os funcionarios municipais que asumen estas funcións, ás que acaban renunciando por sobrecarga de traballo”.

O acordo que propón o texto dos populares céntrase en que o Pleno da Deputación de Ourense manifeste o seu apoio a labor que realizan os xuíces e secretarios dos xulgados de paz de forma eficiente e eficaz en favor da proximidade da xustiza ao territorio e as persoas, coas súas funcións na resolución dos conflitos, Rexistro Civil, etc. Tamén pedirá instar ao Goberno de España a promover a modificación da Lei Orgánica de Eficiencia Organizativa do Servizo Público de Xustiza para devolver aos xuíces de paz a intervención na celebración de matrimonios e manter todos os servizos, dotándoa da partida orzamentaria correspondente para desenvolver as súas funcións.

O terceiro punto do acordo consiste en instar ao Goberno de España a simplificar o proceso instaurado actualmente que supón unha carga de traballo moito maior para os secretarios de xulgado de Paz, que na maioría son persoal propio das administracións, lastrados as labores que viña levando a cabo ata o momento sen ver a súa retribución mellorada a pesar de asumir maiores competencias.

Tamén solicitarán os populares instar ao Goberno de España a impartir unha formación exhaustiva e completa in situ sobre o programa DICIREG, que se instalou para toda a administración de xustiza e o que todos temos que adaptarnos, dado que é especialmente complicado nas Oficinas colaboradoras - que así é como se chaman agora – xa que non poden ir ao ritmo do persoal de Xustiza, o compartir funcións coas propias do concello. Por último, instarán ao Goberno de España a aumentar as retribucións dos secretarios de xulgado de Paz, tendo en conta a carga de traballo e maior responsabilidade.

A voceira do grupo provincial do PP, Patricia Torres, sinala que “en Galicia, os xulgados de paz son un instrumento de xustiza que, cun marcado carácter tradicional e moi propio da nosa comunidade, demostraron ao longo da historia a súa utilidade e eficacia na resolución de conflitos”.

Actualmente, os xulgados de paz están presentes na meirande parte dos concellos da provincia e abarcando practicamente todo o territorio de Galicia, converténdose, ao mesmo tempo, nun modelo de xustiza moi propio da nosa Comunidade Autónoma, imprescindible pola súa proximidade e dando servizo a todos os veciños e veciñas, xa que están integrados nos concellos. Os xulgados de paz contan con persoal que coñece os municipios e teñen unha actuación baseada sobre todo na mediación.
Os xulgados de paz constitúen a maior estrutura xudicial e son competentes nos ámbitos civil, penal e do rexistro civil, sendo este último un dos principais servicios que presta, en colaboración cos concellos.

Sobrecarga nos concellos

Coa aplicación da nova lei de medidas en materia de eficiencia do Servizo Público de Xustiza, os concellos de pequeno tamaño que non son cabeza de partido xudicial verán transformar os seus Xulgados de Paz en Oficinas de Xustiza, o tamén coa posibilidade de facer agrupacións ata chegar aos 7.000 veciños, que máis aló de servizos relacionados coa administración de xustiza, prestan outros servizos aos cidadáns.

Os populares explican que a nova lei estatal “non dota da partida orzamentaria correspondente para o funcionamento dos xulgados de paz, facendo que estas novas funcións sexan asumidas tanto polos concellos como pola Xunta de Galicia, repercutindo na súa maltreita economía, facéndolle asumir novas competencias.

⚙ Configurar cookies
0.16431307792664