O presidente provincial fai balance dos seus dous anos de mandato

Menor destacou a xestión orzamentaria e aposta polo termalismo, o deporte ou a cooperación cos concellos entidades como algunhas das liñas fundamentais durante os últimos anos, e insistiu no obxectivo de reforzar o plan CooperOU no que queda de mandato
balance-deputacion-luis-menor
15 Jul 2025

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, fixo balance dos dous primeiros anos de mandato destacando que este período quedará marcado por avances “históricos” en varios ámbitos clave, desde a xestión orzamentaria ata a aposta polo termalismo, pasando polo apoio aos concellos, a captación de fondos europeos ou a posta en marcha de novas políticas sociais.

Menor escolleu o mosteiro de Santo Estevo de Ribas para facer este balance, destacando o simbolismo do lugar como mostra do respaldo á candidatura da Ribeira Sacra para ser recoñecida como Patrimonio Mundial en 2026.

A Deputación superou este ano por primeira vez a barreira dos 100 millóns de euros, cun orzamento de 105,1 millóns (14 máis que en 2023) e a integración total do Plan CooperOU, dotado con 18 millóns. Destaca tamén o investimento directo en concellos, que alcanzou os 63,6 millóns, o maior da historia da institución.
Menor subliñou o compromiso co municipalismo co mantemento de estradas provinciais (cun investimento de 16 millóns), a eliminación de débeda e a liquidación das obrigas pendentes con Meisa. Con todo, advertiu das limitacións que suporán as regras fiscais estatais, que restrinxirán o uso dos 16 millóns correspondentes á participación nos tributos do Estado.

En canto a vivienda e subvencións, Deputación destinou nos dous últimos anos preto de 3,2 millóns a novas liñas de axudas, actualizando criterios e ampliando recursos para adaptarse ás demandas actuais. Este ano mobilizáronse máis de 800.000 euros en novas convocatorias, reforzáronse outras con 320.000 euros e prevese un Plan Provincial de Vivenda cunha dotación inicial de medio millón.

Outra das frontes destacadas foi a captación de financiamento europeo, que xa suma 18,4 millóns grazas a proxectos como o Perte para a dixitalización do ciclo da auga (7,75 millóns) ou a modernización da administración provincial (4 millóns). A Deputación aspira agora a obter 12,7 millóns adicionais a través de proxectos FEDER centrados en Valdeorras e Ourense Sur.

En canto a cooperación co Goberno galego, este achegou case 15,5 millóns para proxectos conxuntos como plans de regadío, a prevención de incendios, a mellora da atención a maiores ou o parque acuático de Monterrei. Tamén se reforzou o vínculo con Portugal, especialmente na reserva da Biosfera Gêres-Xurés, e con outras deputacións galegas, como a de Pontevedra, para iniciativas de eficiencia enerxética.

No que ten que ver co emprego e a economía, Menor fixo fincapé na aposta pola modernización do tecido económico. Citou o reforzo de programas como ExportOU, que duplicou recursos ata 80.000 euros, ou AcelerOU, que apoiou a transformación dixital de 148 empresas. Ademais, destacou o cofinanciamento dun estacionamento seguro no polígono de San Cibrao das Viñas e o impulso á formación, coa primeira Feira de Educación e a FP Dual en mobilidade segura e sostible.

No ámbito social, o presidente reivindicou unha nova relación co terceiro sector, baseada na proximidade e a escoita directa. Mellorouse a dotación do Servizo de Axuda no Fogar, ampliouse a teleasistencia —que chegará aos 3.000 usuarios— e consolidouse o programa ChegOU, que prioriza a atención a persoas con discapacidade ou familias numerosas. En materia de igualdade, mantense o recoñecemento á traxectoria profesional das mulleres ao longo de todo o ano co programa “8M, mes a mes”.

No campo do medio ambiente, a xestión sostible dos recursos foi outro dos eixos sinalados. A Deputación, dixo, promove o uso dos puntos limpos, a compostaxe e proxectos innovadores para o aproveitamento do ciclo da auga, como a reutilización de augas depuradas na EDAR da Rúa a través do Consorcio de Augas de Valdeorras.

Ademais, puxo en valor que o 70 % dos concellos recibiron visitas oficiais e que a Deputación participou en preto de 2.800 actos, dos cales un milleiro foron encabezados directamente pola presidencia. Ademais, destacou a política de consenso: das 86 mocións presentadas polos grupos da corporación, case un terzo foron aprobadas por unanimidade.

TERMALISMO, DEPORTE, CULTURA E TURISMO

No seu discurso, Luis Menor destacou o termalismo como unha das fortalezas económicas e sociais de Ourense, con programas pioneiros como o de respiro para afectados por emerxencias, iniciativas para combater a soidade, estadías para nómades dixitais ou terapias específicas para lesións medulares e enfermidades crónicas. Salientou tamén a apertura da primeira oficina termal vinculada a unha estación AVE e o impulso á Rede de Vilas Termais a nivel estatal.

No sector turístico, o Goberno provincial apostou por reforzar a Vía da Prata, as rutas en ecobarco e accións que diferencien Ourense como destino de calidade e sen saturación. Máis de 300 persoas participaron nas etapas da Vía da Prata organizadas desde a provincia. Ademais, máis de 100 empresas certificaron a calidade dos seus servizos.

A Deputación tamén priorizou a práctica deportiva de base, cun programa de fomento que mobilizou a case 3.000 rapaces. Destináronse preto de 5 millóns a mellorar infraestruturas deportivas, parte delas cofinanciadas pola Xunta. O apoio a eventos de relevancia nacional sumou 800.000 euros para distintas competicións e 200.000 máis para as Copas Deputación. Na área cultural, destacan as 2.800 actividades organizadas nestes dous anos, a nova etapa do Ourense Film Festival (OUFF) e os preto de 200 espectáculos acollidos polo Teatro Principal.

OBXECTIVOS

Para os dous anos que restan, Menor avanzou que o Plan CooperOU seguirá medrando ata os 20 millóns comprometidos e que se manterán as alianzas con Xunta, outras deputacións e socios europeos. Anunciou ademais o lanzamento dunha convocatoria específica para apoiar proxectos de emprendemento feminino no rural e abriu a porta a estender o modelo de xestión do ciclo da auga de Valdeorras a outras comarcas.

Por último, destacou que o uso da Intelixencia Artificial permitirá ofrecer servizos aos concellos e á cidadanía as 24 horas do día, e apostou por seguir desenvolvendo o potencial termal, turístico e deportivo da provincia como elementos estratéxicos de desenvolvemento.

⚙ Configurar cookies
0.17371582984924