O primeiro quirófano dixital integrado do CHUO conta coa tecnoloxía máis avanzada
O Hospital Universitario de Ourense puxo en marcha o seu primeiro quirófano dixital integrado para procedementos de neurocirurxía despois de rematar as obras de adaptación na súa área cirúrxica que foron realizadas durante o mes de agosto.
O quirófano integrado pode definirse como un sistema con infraestrutura informática que dispón da tecnoloxía máis avanzada en materia de comunicación cirúrxica permitindo controlar os dispositivos e funcións dunha sala de operacións de forma centralizada mediante un dispositivo tal como pode ser unha pantalla táctil . Ademais posibilita aos cirurxiáns o traballo de forma interactiva con outras áreas permitindo o acceso, en tempo real, a toda a información relativa aos pacientes, como pode ser a súa historia clínica, as probas de diagnóstico por imaxes ás que fosen sometidos.
En tal sentido, constitúese como unha plataforma que se adapta tanto aos cambios clínicos como tecnolóxicos, sendo compatible cos novos avances tales como a cirurxía guiada por imaxes, a robótica e a telemedicina. Ademais tanto o neuronavegador e o TAC intraoperatorio intégranse tamén nesta infraestrutura informática xa que se utilizan en conxunto durante moitas das intervencións en neurocrirurxía.
Este quirófano especial está atendido por varios equipos profesionais de alta cualificación: un equipo cirúrxico, un equipo anestésico e, eventualmente, especialistas en neurofisioloxía. Tamén é crucial o equipo técnico específico de radioloxía, así como os profesionais de enfermería cirúrxica que se especializaron no manexo desta nova tecnoloxía.
O quirófano incorpora un sistema de streaming, para poder retransmitir cirurxías en directo e a posibilidade de facer videconferencias con interlocutores remotos con acceso directo desde a pantalla do quirófano xa que tamén incorpora unha videocámara no teito e un sistema de altavoces e micro de ambiente integrados na sala o que permite a activación da función “Patiento ambience” que posibilita un entorno cirurxico agradable sobre todo orientado para as cirurxías de nenos para crear un ambiente que diminúa a súa ansiedade.
A xefa de servizo de neurocirurxía do CHUO, Ana Pastor explicou que permite cirurxías "minimamente invasivas e máis precisas" naquelas operacións cirúrxicas complexas, como as que se realizan no tronco e na cabeza xa que este sistema permite unha planificación cirúrxica previa”. As intervencións nas que está indicado o novo sistema son as propias da Neurocirurxía na columna cervical, dorsal e lumbar, lesións cerebrais e craneotomías e cirurxía funcional de estimulación cerebral profunda.