O programa de Termalismo Social ourensán pon o foco nas persoas con enfermidades mentais

OurenseXa
O programa de Termalismo Social posto en marcha pola Deputación de Ourense inclúe este ano o “termalismo inclusivo2, orientado principalmente ás persoas con diversidade funcional
Programa de Termalismo Social da Deputación de Ourense
30 Maio 2024
A Deputación de Ourense desenvolve, desde o ano 2013, o seu Programa de Termalismo Social con diferentes modalidades, ás cales este 2024 engadiuse a do “termalismo inclusivo”. Esta nova modalidade está orientada principal, aínda que non exclusivamente, a “persoas con diversidade funcional” e ás persoas do sector da “economía dos coidados”.
De feito, ante a resposta obtida o pasado ano 2023 tras a posta en marcha do “Termalismo contra a soidade non desexada” como fórmula na que os balnearios se utilizan como un recurso sociosanitario contra a situación na que viven un importante número de persoas maiores na nosa provincia, a institución provincial decidiu ampliar a experiencia a máis circunstancias vitais e colectivos sociais.
Así, a posta en marcha en 2024 do “Termalismo inclusivo” permite deseñar programas personalizados para colectivos sociais en función das circunstancias e problemáticas específicas. Ademais, esta nova modalidade vai estar aberta e dispoñible para todas as entidades sociais sen ánimo de lucro que se interesen por esta posibilidade durante este ano.
Unha das primeiras entidades que mostraron interese por participar no novo programa foi a Asociación Pintega para a promoción da saúde mental. Entre os obxectivos desta asociación está o de asesorar aos familiares de persoas con enfermidade mental dos recursos que existen para a súa mellora física ou mental.
A área de Benestar recibiu no primeiro trimestre do ano varias peticións de asociacións para deseñar programas personalizados. Ante este interese, o grupo de goberno da institución provincial decidiu que a primeira experiencia de termalismo inclusivo fose para persoas con enfermidades mentais.
Ante o interese mostrado deseñouse na área de Benestar da Deputación un programa termal grupal personalizado ás necesidades e requisitos das persoas que representan a Asociación Pintega.
Esta entidade sen ánimo de lucro pediu un programa de 3 meses de duración a través do cal as persoas ás que representan puidesen ir cada dúas semanas a un centro termal para desenvolver unha terapia baseada no exercicio físico en piscinas termais nunha contorna non institucionalizada no medio da natureza.
A personalización plasmouse en facilitar aos usuarios da asociación de xornadas termais grupais cada quince días no Balneario de Cortegada a un custo de 2,5 euros por xornada, estando o resto do prezo financiado pola Deputación de Ourense, logrando así un programa para persoas con enfermidades mentais graves durante tres meses a un custo total de 14 euros por persoa.
Valoración altamente positiva da primeira experiencia de termalismo inclusivo
A Asociación Pintega, nunha primeira valoración que trasladou á Área de Benestar, manifestou unha alta satisfacción pola iniciativa, sinalando que o que máis valoraron foi, precisamente, que se tivese en conta ao colectivo de saúde mental, xa que a relaxación e fundamental neste tipo de pacientes. O feito de que o Balneario de Cortegada estea en plena natureza tamén contribuíu a achegar tranquilidade ás persoas que gozaron desta primeira experiencia, iniciativa que van pedir a súa continuidade para 2025.
0.096317052841187