O programa ‘Educación Século XXI’ chega a vindeira semana ás sedes de Afundación de Ourense e Lugo

Continúa o programa de conferencias ‘Educación Século XXI’ de Afundación, a Obra Social de ABANCA, orientadas á reflexión sobre o labor e os retos que atopan familias e docentes na educación actual. A seguinte relatora convidada será Lucía Hipólito, doutora en Farmacia e profesora titular na Facultade de Farmacia da Universitat de València, quen ofrecerá a conferencia ‘Hackers do cerebro: como as drogas alteran os nosos circuítos neuronais’. Estará o día 23 de abril na Sede Afundación de Ourense e o xoves 24 na Sede Afundación de Lugo. En ambas as dúas ocasións ofrecerá unha sesión pola mañá, ás 11.00 horas para público escolar, e outra pola tarde, ás 19.00 horas, para público xeral.
Nesta charla, da man de Lucía Hipólito realizarase unha inmersión no complexo fenómeno da adicción. Analizaranse as súas fases e como se manifesta no comportamento, ademais de profundar nos mecanismos cerebrais que a sosteñen. Hipólito explicará o proceso de investigación das adiccións, que permitiu empezar a comprender estes mecanismos. Tamén se falará sobre os factores de vulnerabilidade e protección, incluído o papel do sexo/xénero como variable clave na predisposición e progresión da adicción. Finalmente, revisaranse as opcións actuais de tratamento e como poderían evolucionar no futuro. Unha oportunidade para comprender desde a neurociencia como as drogas afectar o cerebro humano e como a prevención é a mellor opción para combatela.
Lucia Hipólito é doutora en Farmacia pola Universitat de València, é profesora titular na Facultade de Farmacia. A súa actividade investigadora céntrase no campo da neurofarmacología da adicción, en entender o efecto do alcol no cerebro e os factores de risco para sufrir alcolismo, coa finalidade de atopar novas terapias para esta adicción. Publicou numerosos artigos científicos en revistas de impacto e traballou en diversos laboratorios en universidades de prestixio como a Universidade de Cambridge (Reino Unido) e a Universidade de Columbia (EUA), nas que estudou a adicción e a dor. Como resultado das súas investigacións recibiu premios da Sociedad Europea de Investigación en el Alcoholismo (ESBRA), da Fundación Valenciana de Estudios del Dolor (FUNDOLOR) e de Talento Joven Investigador outorgado por Bankia e Levante-EMV. Actualmente desenvolve a súa investigación no Laboratorio Doreal da Universitat de València, onde estuda, entre outros, a dor como factor de risco no alcolismo e en trastornos psicolóxicos de tipo ansiedade, especialmente no sexo feminino.
A Obra Social de ABANCA impulsa o ciclo ‘Educación Século XXI’ para dar a coñecer a toda a comunidade escolar as últimas tendencias, estudos e teorías sobre educación. Comezou a desenvolverse en 2016 e xa é un referente de encontro para todos os membros da comunidade educativa.
As actividades do ciclo ‘Educación Século XXI’ son de acceso gratuíto e forman parte do programa ‘Cultura por alimentos’, desenvolvido por Afundación e a Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). Na Sede de Afundación están dispoñibles contedores onde o público asistente pode depositar produtos non perecedoiros a modo de entrada solidaria.