O Programa ExportOUSostible facilita o avance en sustentabilidade de cinco empresas

OurenseXa
A iniciativa “trata de proporcionar ás empresas ourensás as ferramentas necesarias para impulsar as transformacións no tecido empresarial que esixe a realidade actual”, explican desde a Deputación de Ourense
Presentación de resultados do programa ExportOUSostible
27 Xuño 2024

A sede da Confederación Empresarial de Ourense acolleu esa mañá a presentación dos resultados do Programa Piloto ExportOUSostible, unha iniciativa que comezou hai dous meses e medio con cinco empresas participantes para axudalas na aceleración dos seus procesos sostibles a través da tecnoloxía. Este proxecto, froito da cooperación entre a Deputación de Ourense -a través do Inorde- e a CEO, logrou resultados notables desde o seu arranque proporcionando ás empresas participantes unha valiosa guía para integrar a sustentabilidade no seu día a día, estratexia que lles permitirá avanzar de maneira efectiva nos seus obxectivos.

A conclusión xeral que explicaron tanto o presidente do Inorde, Rosendo Fernández, como a presidenta da CEO, Marisol Nóvoa, fundaméntase en que tras o traballo con estas cinco empresas candidatas, o programa ExportOUSostible marcou un fito significativo guiándoas cara a un futuro máis sostible. A través de solucións tecnolóxicas e asesoramento especializado, estas empresas posicionáronse para facer fronte aos novos retos do mercado de forma sostible, beneficiando non só ás súas operacións, senón tamén á comunidade e ao medio ambiente.

Rosendo Fernández e Marisol Nóvoa coincidiron en destacar a utilidade das colaboracións público-privadas para levar a cabo iniciativas deste tipo que ‘tratan de proporcionar ás empresas ourensás as ferramentas necesarias para impulsar as transformacións que esixe a realidade actual ao tecido empresarial’ comentaba o presidente do Inorde, mentres que a presidenta da CEO destacaba que ‘a sustentabilidade é unha carreira de fondo que hai que empezar canto antes, con paso firme, e non se trata dunha moda senón dunha obrigación que hai que asumir en todos os ámbitos hoxe en día’. Tamén acudiron á presentación de resultados a responsable do desenvolvemento do programa piloto, Leticia Álvarez experta en medición de impacto e estratexias de sustentabilidade,; así como o cofundador da plataforma tecnolóxica utilizada, YourESGadvisor, Daniel Martínez.

Conclusións do programa piloto en sustentabilidade

Este programa, que serviu para acelerar o desenvolvemento sostible en empresas ourensás a través da tecnoloxía, desenvolveuse en 3 etapas e contou como participantes a Adegas Godeval (representada hoxe por Araceli Fernández) , Frigoríficos Arcos (Beatriz Ferrer e Estela Ferradás foron as súas representes), Gómez e Crespo (Abel Pascual) , Mecanizados Rodríguez Fernández (Uxía Brea) e Valdeconsa (Paula Conde e Amparo Romero); firmas procedentes de distintos sectores e localizacións pero co denominador común da súa aposta por incorporar e acelerar as metodoloxías máis adecuadas nos seus procesos produtivos para converterse en empresas sostibles.

Estas cinco empresas desenvolveron unha estratexia de sustentabilidade ambiciosa e á vez de fácil implementación, que poden ir traballando de forma moi sinxela. Utilizando a ferramenta YourESGadvisor puideron buscar e xerar de maneira eficiente os datos e KPIs ou indicadores de rendemento esenciais. Esta plataforma facilitoulles a identificación e xestión de indicadores clave de sustentabilidade, permitíndolles avanzar con confianza no seu camiño cara a un modelo de negocio máis sostible.

Tras este traballo de dous meses con axuda de asesoramento e tecnoloxía, os participantes obtiveron resultados clave en catro parámetros diferenciados. En canto a datos sostibles e pegada de carbono, as empresas comezaron a recompilar sistematicamente datos esenciais para calcular a súa pegada de carbono e intensidade enerxética, obtendo unha ferramenta crucial para mellorar a súa eficiencia enerxética e cumprir cos estándares do Ministerio de Transición Ecolóxica. En segundo lugar, a través dunha análise de materialidade, identificaron os aspectos de sustentabilidade máis relevantes para os seus negocios, enfocándose en áreas crave como a economía circular e a xestión de envases, así como na incorporación de prácticas sostibles ao longo da súa cadea de valor.

A continuación, identificaron aos seus principais grupos de interese, destacando a importancia de manter unha estratexia de sustentabilidade transparente e robusta. Isto non só mellora a competitividade, senón que tamén aliña ás empresas coas expectativas regulatorias e do mercado. Para finalizar, cada empresa participante ha desenvolto unha estratexia de sustentabilidade adaptada ás súas necesidades e obxectivos específicos, nas que incluíron accións concretas como a redución de emisións de carbono, o deseño sostible de envases e a integración da biodiversidade nas súas operacións.

En definitiva, con estas iniciativas, tal e como quedou de manifesto no acto desta mañá, as empresas que apostan pola sustentabilidade non só promoven unha maior responsabilidade ambiental, senón que tamén abren novas oportunidades de negocio e melloran a reputación corporativa, a posición comercial, a minimización de riscos, o cumprimento normativo e o acceso a novas fontes de financiamento.

0.10672092437744