O PSdeG de Ourense denuncia a falta de apoio aos concellos en materia de educación

OurenseXa
A candidatura socialista criticou hoxe dende Barbadás a política de abandono “sistemática” do Partido Popular e Alfonso Rueda á educación e a falta de apoio aos concellos, que teñen que asumir competencias impropias con recursos municipais
PSDG_PSOE_Barbadas
1 Feb 2024

PSdeG-PSOE de Ourense salienta que con José Ramón Gómez Besteiro ao fronte do goberno galego, converterase nun pilar clave das políticas socialistas dende a Xunta de Galicia. A candidatura socialista criticou hoxe dende Barbadás a política de abandono “sistemática” do Partido Popular e Alfonso Rueda á educación e a falta de apoio aos concellos, que teñen que asumir competencias impropias con recursos municipais debido a “desidia” dos gobernos autonómicos do Partido Popular.

A candidatura do PSdeG-PSOE por Ourense mantivo esta mañá unha xuntanza de traballo en Barbadás, cos responsables do goberno municipal socialista, na que estiveron presentes o alcalde e os concelleiros da súa equipa. Os e as socialistas aproveitaron para analizar a situación da educación na provincia e no municipio, así como todas as “problemáticas” que se están atopando os concellos ao ter que asumir competencias impropias dos centros públicos de ensino, como son os gastos de luz, gastos de limpeza ou gastos de mantemento, que afrontan con cartos das arcas municipais.

O candidato do PSdeG-PSOE de Ourense ao Parlamento de Galicia, Nacho Gómez Pérez, salienta que “Barbadás é un dos exemplos que temos da provincia de concellos que teñen que asumir competencias da Xunta en temas de educación ou sanidade, ante a marxinación dos gobernos autonómicos do PP”. O número 2 da candidatura socialista pola provincia tamén pon de manifesto que os alcaldes e alcaldesas “levan moito tempo demandando que a Xunta asuma as súas competencias” e critica as privatizacións exercida polo PP en servizos como a limpeza, que provocaron “o despido de milleiros de traballadores, unha vez privatizados estes servizos”.

“O PSdeG-PSOE, con José Ramón Gómez Besteiro ao fronte, vai afrontar a situación doutro xeito, dotando os concellos da financiación necesaria e suficiente para que podan abordar estes servizos públicos con total transparencia, eficacia e cunhas condicións dignas para os e as traballadoras”, afirma Gómez Pérez.

Pola súa banda a candidata socialista ao Parlamento de Galicia, Marga Pérez Fernández, apunta que a educación “é relevante porque afecta a formación e preparación da sociedade do futuro”. A número 6 da candidatura provincial do PSdeG sinala que para o PP a educación “non é unha prioridade, tal e como demostran os orzamentos autonómicos, que ano tras ano seguen sen adaptarse as necesidades dos colexios, o profesorado e o alumado”. Neste senso tamén afirma que “non hai orzamento suficiente para as reformas que demandan os centros de ensino, nin para a xestión diaria, nin tampouco para cando o profesorado se pon de baixa”.

Fronte a esta situación provocada polo Partido Popular, Pérez Fernández pon como exemplo as políticas socialistas do Goberno central que “ano tras ano aumentan o orzamento dedicado a educación, que pasou de 2190 millóns en 2018 a 6.400 millóns no 2023, cun investimento por alumno o pasado ano de 640 euros”. A candidata socialista anuncia que toda esta situación en Galicia mudará o vindeiro 18 de febreiro da man de José Ramón Gómez Besteiro. “Coidaremos a educación e apostaremos por medidas como a gratuidade dos libros de texto na ESO, o que suporá un alivio para as economías domésticas de moitas familias que cada ano deben desembolsar sumas de diñeiro de entre 600 e 700 euros”, afirma, antes de sinalar que “imos a coidar das familias, do alumnado, do profesorado e da educación pública”.

Por último, o alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel Doval, apunta a que Alfonso Rueda e o Partido Popular abandonan e desatenden de forma “sistemática” aos concellos, “asignándolles competencias impropias para que as xestionen, pero sen a dotación orzamentaria correspondente”. Neste senso subliña que en 13 anos, o fondo de cooperación local, xestionado pola Xunta, “non aumentou un só euro as asignacións aos concellos, que temos que asumir o financiamento de diferentes servizos como o de axuda no fogar, a implementación do quinto contedor ou o mantemento, limpeza e alumeado dos colexios públicos”.

Valcárcel Doval fai fincapé en que “a pesares destas carencias orzamentarias en materia educativa, os concellos si respondemos de xeito eficaz con partidas orzamentarias municipais, que en Barbadás, por exemplo, son de 200.000 euros, un 5% do orzamento municipal”. Neste senso indica que se os colexios “seguen funcionando perfectamente e cun servizo de calidade e gracias ao apoio e investimento inestimable e incalculable dos concellos”. Por último, sinala que con Besteiro como presidente da Xunta “melloraremos a situación financeira, apoiando aos concellos con recursos para traballar dunha forma xusta e transparente, na que ninguén saia prexudicado”.

0.15830707550049