O PSdeG de Ourense destaca a inversión e as políticas sociais do Goberno de Sánchez na súa primeira asemblea extraordinaria

OurenseXa
Os socialistas subliñan que este goberno foi “o que máis investiu na cidade nas últimas décadas e aprobou medidas sociais que melloran a vida das persoas”
asemblea-psoe-ourense
13 Sep 2025

A nova Comisión Executiva Municipal (CEM) do PSdeG en Ourense celebrou a súa primeira asemblea extraordinaria co obxectivo de analizar os avances acadados durante os últimos anos do Goberno de Pedro Sánchez e os retos pendentes ata o final da lexislatura.

“Este é un goberno progresista, valente e profundamente democrático. E a pesar de todo o que tivo que enfrontar, cumpriu. Cumpriu porque en cada crise se tomaron decisións coa premisa de non deixar a ninguén atrás”, comezou a portavoz da CEM, María Fernández Ojea.

Durante a súa intervención, Fernández Ojea recordou que, desde que o PSOE asumiu o goberno do país hai sete anos, se viviron “anos intensos, duros, e tamén profundamente transformadores. E digan o que digan, menos mal que estaba Pedro”. Ademais, subliñou que Sánchez atopou “un país golpeado pola desigualdade e a corrupción, coas institucións deterioradas e a confianza da cidadanía polo chan”, e destacou que, pese á pandemia, á guerra en Ucraína e á situación internacional, o Executivo ofreceu solucións para mellorar a vida das persoas.

Pola súa banda, Marga Martín Rodríguez, secretaria de Igualdade da CEM e deputada por Ourense, destacou as infraestruturas que se completaron ou están en proceso de rematarse durante estes anos, como a nova estación intermodal, o centro de control ferroviario de Galicia na antiga estación de San Francisco, a variante norte, o complexo cultural de San Francisco ou o Museo Arqueolóxico. Ademais, sinalou a política social do Goberno, que beneficiou a máis de 10.000 persoas co Ingreso Mínimo Vital, incrementou a pensión media en 266 euros, promoveu contratos indefinidos e chegou a máis de 14.000 beneficiarios do Bono Social Eléctrico.

A deputada tamén repasou os avances en materia de igualdade, como o aumento dos permisos de maternidade e paternidade, que desde 2026 alcanzarán 19 semanas retribuídas por proxenitor, con 6 semanas obrigatorias inmediatamente despois do nacemento ou adopción, 11 semanas flexibles e 2 adicionais para o coidado do menor ata os 8 anos. “Somos conscientes de que queda moito por facer, pero non podemos esquecer o conseguido. Máis aínda cunha oposición de dereita e ultradereita que só ofrece ruído, confrontación, bulos e ningunha proposta para mellorar a vida das persoas”, sinalou.

Pola súa banda, a secretaria xeral da Agrupación Municipal, Natalia González Benéitez, non puido asistir por compromisos institucionais, pero trasladou a través de Fernández Ojea unha mensaxe de unidade dentro do partido pese ás tensións internas dos últimos meses a nivel nacional.

“Compañeiras e compañeiros, hoxe tócanos tamén a nós falar, escoitarnos, discrepar se fai falta, pero sobre todo reafirmarnos no que temos claro: que sen o PSOE, Ourense e Galicia serían hoxe peores lugares para vivir. Por iso quero animarvos a participar activamente, a levar estas mensaxes á rúa, aos vosos barrios, ás vosas familias, a toda a cidadanía. Porque os logros dun goberno só teñen sentido se a xente os sente como propios”, concluíu a portavoz.

⚙ Configurar cookies
0.1237781047821