O PSdeG de Ourense doará o recadado coa súa participación nos Maios a Igaxes

OurenseXa
En 2024, Igaxes asistiu a máis de 1.500 menores, moitos deles tutelados, do cal o 75% atópase realizando algún tipo de formación para desenvolverse con autonomía na súa vida adulta
psoe-maios-igaxes
29 Jun 2025

A secretaria xeral do PSdeG-PSOE en Ourense, Natalia González, e o vicesecretario xeral da mesma, Xurxo Doval, asistiron á presentación da memoria da ONG Igaxes que traballa para que ningún neno, nena e adolescente teña que renunciar ao seu futuro por mor da pobreza ou a exclusión social. Ademais, trasladaron ao presidente da entidade do terceiro sector que conta con dúas décadas de traxectoria que este ano a Agrupación Municipal dos e das socialistas doará o percibido pola súa participación na Festa dos Maios á súa causa.

“Estamos facendo tradición a nosa participación nesta celebración tan identitaria na nosa cidade e aproveitando para implicarnos, e tentar dar visibilidade, con diferentes entidades sociais que contribúen ao benestar común. Consideramos, nesta ocasión, máis que xustificado aportar o noso gran de área ao colectivo co que traballan e que nos últimos anos está a ser vítima, moitas veces, de ataques de odio”, explica a tamén portavoz dos e das socialistas no Concello de Ourense e responsable de Política Social na CENG (Comisión Executiva Nacional Galega) do partido.

Nesta liña, o tamén secretario xeral de Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG) lembrou que hai un ano e medio Igaxes organizou unha exposición fotográfica no campus universitario de Ourense, sobre menores tutelados, cuxas imaxes resultaron vandalizadas. “Aquel ataque reflicte precisamente o que pretendían denunciar coa mostra: todos os perxuizos e odio que padecen persoas en situación de vulnerabilidade”, sinala.

Segundo os datos que manexan dende a propia ONG, o 25% das nenas, nenos e adolescentes galegos está en risco de pobreza e miles de menores viven cada día sen a seguridade e o afecto que calquer adolescente precisa para desenvolverse con seguridade e nunha contorna que prime a súa saúde mental. En moitos casos nin sequera poden percibir a protección máis básica das súas familias.

“En 2024, esta entidade asistiu a máis de 1.500 menores, moitos deles tutelados, do cal o 75% atópase realizando algún tipo de formación para desenvolverse con autonomía na súa vida adulta. E, por poñer outro exemplo, máis de 60 mozos e mozas recibiron apoio ou reforzo psicolóxico poñendo o foco na saúde mental”, remata Natalia González expoñendo algunhas das cifras do labor levado a cabo por Igaxes.

⚙ Configurar cookies
0.16706800460815